| Vestir Verde |
|
|
|
| Escrito por Emma | |
| Luns, 28 de Abril do 2008 | |
|
Logo do quebranto interminable e televisado, ou interminablemente televisado, da Esteban para facerse cun vestido de noiva, dá cousa que esta prenda vaia ter unha vida tan curta e limitada (ou non, pero en fin ....) E aínda que a opinión xeralizada é que se trata dun vestido tan especial porque precisamente é un vestido para usar unha vez na vida - o día máis especial da vida de quen o leva (un supoñer)- esta idea comeza a ser desprazada nunha sociedade cada vez máis concienciada, din, co coidado do medio ambiente. Así, o Concurso Nupcial de Noveles Diseñadores Puerta de Europa , decidiu adicar a súa edición deste ano, a sétima, á moda nupcial ecolóxica, é dicir, traxes de noiva, de noivo e de festa que apostasen pola reciclaxe, polo uso de materias primas respectuosas co medio ambiente, e que puidesen ser transformados para a súa posterior reutilización. O xurado, integrado por deseñadores da talla de Francis Montesinos, Juan Duyos, Modesto Lomba e Alma Aguilar, seleccionou, entre os 124 deseños recibidos das principais escolas de moda de España, cinco finalistas entre os que se encontraban os presentados por Nerea Moldes Montes e por Leticia Priegue Lago & Eva María Trezado Carro, ambos os dous dende o centro de formación Pin Factory , en Pontevedra.
Estes cinco deseñadores finalistas, todos eles menores de 30 anos, traballan agora mesmo na confección dos seus deseños, que vestirán destacadas top models o vindeiro 23 de maio, data na que se fará público o gañador ou gañadora, que terá a oportunidade de internacionalizar a súa creación participando nas principais pasarelas europeas do sector, como a Feira Exponoivos de Lisboa e O Porto ou a feira CPD de Düsseldorf.
Paralelamente, dende o 27 de marzo e até o pasado 6 de abril, permaneceu aberta ao público a exposición Moda Nupcial Ecolóxica, onde puideron verse todos os bosquexos presentados ao concurso, sorprendentes deseños realizados con materiais naturais e reciclables cuxa principal característica é a 'reconversión', transformándose en traxes de cóctel, en bañadores, mesmo en bolsos ou colchas de cama, en novas prendas ou complementos válidos para as máis diversas situacións e momentos do día, que conseguen amortizar, sen dúbida, a que até o momento fora considerada vestimenta dun só uso. E aínda que estas propostas parezan pouco viables e até extravagantes, o certo é que son unha resposta ao que se converteu, lemos, nunha moda que arrasa en países coma o Reino Unido. Estamos a referirnos ás 'vodas ecolóxicas' ou 'eco-vodas' que, como tantas outras cousas, popularizaron as máis mediáticas celebrities patrias e que consisten en desterrar os enlaces tradicionais e optar por outros máis 'comprometidos' e dirixidos a combater o cambio climático ou o impacto medioambiental. Din que se trata de algo máis que unha simple moda pasaxeira, e o certo é que este país xa conta con axencias de eventos especializadas en organizar esta clase de enlaces, que se materializan en vestidos de noiva reciclados, bicicletas ou carruaxes en lugar de limusinas, ramos de flores de cultivo propio, banquetes nupciais a base de produtos orgánicos locais ou eco-catering, invitacións en papel reciclado, ou en substituir os tradicionais agasallos dos convidados por donacións en nome dos recén casados a organizacións non gobernamentais e/ou grupos ecoloxistas.
Segundo a profesora de Historia e Socioloxía da Indumentaria, Karina Zarfino, a historia do vestido occidental sofreu tres revolucións importantes: o vestido foi primeiro artesán, despois industrial e agora está iniciando unha nova era tecnolóxica ou cibernética. A segunda revolución textil, a industrial, sitúase no século XIX coa invención da máquina de vapor que, aplicada ao sector textil, posibilita a fabricación en serie, por unha banda, e a aparición de fibras manufacturadas e sintéticas, por outra. Sen embargo, a produción destes novos artigos resulta perxudicial para o medio ambiente, pois aa fibras sintéticas, derivadas do petróleo, orixinan grandes cantidades de materiais non biodegradables. Esta contaminación tamén se xera na produción de fibras naturais, coma o algodón, tratado con pesticidas, funxicidas, fertilizantes e demais produtos químicos que, ademais de contaminar, poden ter resultados tóxicos para a saúde dos consumidores. Por todo isto, hoxe en día fálase de tecidos biolóxicos e ecolóxicos, e tense detectado unha actitude cada vez máis consciente por parte dos consumidores, que comezan a seleccionar as prendas que visten tendo en conta novos criterios, como a protección do medio ambiente. Enténdese por "roupa ecolóxica" aquelas prendas que se fabrican de xeito natural, respectando o medio ambiente (non se empregaron pesticidas, praguicidas, insecticidas, etc. na súa fabricación, e o tinxido é ecolóxico porque se utiliza peróxido -no caso da cor branca- ou tintes de baixo impacto -no caso do resto das cores-) así como os dereitos humanos dos traballadores/as que participan na súa produción. Sen embargo, as prendas que pertencen a estas "liñas verdes" teñen un prezo máis elevado que a roupa convencional e tamén son moito máis difíciles de atopar. Ademais, en bastantes ocasións véndense produtos que pouco ou nada teñen que ver con esta filosofía. ![]() A moda ecolóxica vai dende a cultura do surf até a alta costura, e as alternativas están medrando a cotío, porque cada vez hai unha maior variedade de tecidos naturais a disposición dos deseñadores, como as sedas de soia e de bambú. Mais cando a tela sintética está feita de materiais reutilizados tamén pode ser ecolóxica; así, por exemplo, a empresa Malden Mills produce tela fleece de botellas plásticas recicladas, e a marca Patagonia quitou unha líña de roupa baseada na lá sen cloro. A eco-moda, agora de vangarda e omnipresente nas pasarelas máis importantes, foi encetada e levada a cabo inicialmente por pequenos deseñadores, onde segue residindo o seu verdadeiro espírito e compromiso. Hai uns meses, en Portland, Estados Unidos, adicóuselle unha semana de desfiles á moda ecolóxica, nos que participaron arredor de corenta deseñadores, a maioría locais. Portland converteuse no exemplo a seguir na eco-moda, apoiando aos pequenos deseñadores e creando leis polas cales as grandes marcas de moda quedan fóra da zona urbana. E é que semella probado que o espírito dos xoves deseñadores, a nivel global, está encamiñado a conxugar Ética e Vangarda, traballando ademais en estreita colaboración con artesáns locais para protexer a diversidade cultural e desenvolver relacións comerciais no seu propio contexto. Estes deseñadores xoves presentan un estilo con consciencia que inclúe materiais alternativos coma o algodón e o bambú orgánicos certificados, ademais de promover prácticas laborais sostibles.
A Eco-Moda ou a Moda Ética ten como principios fundamentais conciliar a arte do creador, o benestar do traballador e o respecto do medio ambiente; é unha actitude duradeira que nace da convicción e o compromiso, e que vai máis alá dunha improvisada liña ¿oportunista? dentro dunha colección ou dunha campaña concreta. Hai voces que insisten en que, hoxe en día, o verde vende, e que convén desconfiar de moitas actitudes que dunha maneira coxuntural pretenden sintonizar cunha clientela cada vez máis concienciada. Favorito Bookmark Enviar a... Visitas: 424 Comentarios (0)
![]() Escribir comentario
Tes que estar logueado para escribir un comentario. Podes rexistrate se non tes xa unha conta creada.
|
|
| Última actualización ( Martes, 29 de Abril do 2008 ) |
| < Ant. | Seg. > |
|---|


















0 comentarios




















