| Turismo en erupción |
|
|
|
| Escrito por Emma | |
| Martes, 15 de Xullo do 2008 | |
|
Segundo a Asociación Internacional de Vulcanoloxía e Química do Interior da Terra, na actualidade hai máis de 1.500 volcáns activos no planeta. Entre as zonas máis activas atópase a das Azores, a de Islandia, a do Mar Vermello, o cinto de fogo do Pacífico, a asiática, Hawai ou as Illas Canarias. Os países que contan con estas marabillas da natureza no seu patrimonio viron nelas unha inmellorable fonte de ingresos e abriron rutas e itinerarios con extensas programacións para impulsar o turismo volcánico, un xeito diferente de viaxar que está en apoxeo até o punto de que un volcán activo e a piques de estoupar xera automaticamente un novo mercado potencial de turistas. ![]() Filipinas, con máis de 300 volcáns -dos cales 22 están catalogados coma activos e 27 coma potencialmente activos- foi pioneiro en impulsar este tipo de turismo, e non por casualidade: é un lugar único no mundo para contemplar este tipo de fenómenos. Alí o Mayon -tamén coñecido coma 'o cono perfecto'- preside a paisaxe cos seus 2.421 metros; trátase do volcán máis activo do país, pois entrou en erupción arredor de 50 veces nos últimos 400 anos. Xa en Hawai, o Mauna Loa -o volcán máis grande da terra e un dos cinco que fan parte da illa- e o Kilauea, ambos os dous activos, conforman o Parque Natural dos Volcáns, que oferta un amplo programa de actividades onde se inclúen, ademais das rutas e itinerarios, ciclos de conferencias mensuais ou a visita ao Volcano Art Center and Gallery. Tamén en Chile pódese realizar a Ruta dos Volcáns, que conta con máis de 300 kms. de camiños e sendeiros e acolle nove volcáns maiores -entre eles o Villarrica, o volcán máis activo de Chile- numerosas caldeiras volcánicas e unha privilexiada paisaxe caracterizada polo gran relevo, polas lagoas sulfúricas ou polos desertos orixinados polos fenómenos erutivos. ![]() No norte de Tanzania atópase o Ol Doinyo Lengai , que roza os 3.000 metros e en cuxo cráter, segundo os Maasai, vive o deus Lengai; afastado das rutas turísticas habituais, a súa ascensión realízase pola noite para fuxir da terrible calor que vai na zona durante o día. A Ruta Colonial e dos Volcáns, pola súa banda, ofrece un itinerario no que se seguen os antigos sendeiros indíxenas que atravesaban Centroamérica e que os españois converteron no denominado Camiño Real, unha complexa rede de rutas terrestres, marítimas e fluviais que unía os seus dominios ao longo do mundo. Outros volcáns e paraxes famosos son o Snæfellsjökull, situado no oeste de Islandia; o volcán Poás, en Costa Rica, situado dentro dun parque nacional que cobre unha área de aproximadamente 65 km², e que posúe un dos cráters máis grandes do mundo; o volcán Bromo, na Illa de Xava; as dúas iconas italianas, Etna e Vesubio; ou as fascinantes paisaxes volcánicas de Nova Zelanda, onde destaca o Parque Nacional Tongariro integrado por tres volcáns activos -Ngauruhoe, Tongariro e Ruapehu- famoso por ser o escenario da adaptación cinematográfica de O Señor dos Aneis (Peter Jackson, 2001). Como imaxinarás, á hora de ascender a un volcán activo convén tomar certas precaucións. Segundo os especialistas, os volcáns non sofren erupcións brutais e de súpeto, tal e como soe amosar o cinema, e o perigo para os que os visitan son fenómenos menos 'vistosos' e de baixa intensidade, e sono precisamente porque non se lles presta a suficiente atención. Pequenas saídas de vapor e gases, chemineas, microseismos, fendas, e a propia dificultade do terreo -no que a miúdo se escorre e esvara-, factores todos eles exóticos para os residentes en zonas sismicamente tranquilas, constitúen os grandes riscos destas 'expedicións'. Por iso, o mellor consello que poden seguir os que se decidan a subir un volcán non extinguido é o que obteñan das institucións especializadas, que vixían e estudan a súa evolución. En definitiva: un volcán non é unha montaña calquera, senón un lugar cun alto nivel de perigo. Favorito Bookmark Enviar a... Visitas: 203 Comentarios (0)
![]() Escribir comentario
Tes que estar logueado para escribir un comentario. Podes rexistrate se non tes xa unha conta creada.
|
|
| Última actualización ( Martes, 15 de Xullo do 2008 ) |
| < Ant. | Seg. > |
|---|


















0 comentarios





















