| Threadless: 100% enerxía creativa |
|
|
|
| Escrito por Emma | |
| Luns, 16 de Xuño do 2008 | |
|
<<Estiven pensando moito en Threadless.com, e botando man do seu exemplo nas miñas conversas sobre a Web 2.0 coma unha estensión do principio da 'influencia da intelixencia colectiva' no deseño dos bens materiais (...) O sitio sería bastante bo só como unha rede social. Hai unha comunidade rica, e cada quen ten importancia. Pero pensen un momento: isto é un multitudinario negocio de manufactura>> Tim O'Reilly Pódese afirmar que é posiblemente a tenda de camisolas on-line con máis éxito do mundo, pero a cuestión é que a experiencia empresarial de Threadless vai moito máis alá. Din os expertos que falar de Threadless é falar de todo un exemplo de negocio new economy . Trascendeu o modelo de venda tradicional en internet creando unha enorme e crecente comunidade virtual que se retroalimenta, e é ademais un concurso permanente de deseño, do pobo e para o pobo, que a través da combinación tenda+web social, exprime todas as posibilidades da rede e avanza unha fórmula, din, de futuro.
Por se aínda non sabes do proxecto, Threadless é unha rede social adicada ao deseño, produción e venda de camisolas que puxeron en marcha no ano 2000 os deseñadores Jack Nickell e Jacob Dehart. Anque recentemente inaugurou unha tenda física en Chicago, trátase dunha web na que podes mercar camisolas cun deseño orixinal, practicamente exclusivo, pero tamén enviar os teus propios deseños o valorar os que presentan outros. Calcúlase que Threadless recibe uns 125 deseños ao día que compiten por centos de miles de votos dos usuarios para situarse entre a media ducia de camisolas que se imprimen e comercializan cada semana na web. Os creadores reciben 2000 dólares en efectivo e en premios se se imprime o seu modelo, máis 500 dólares se se reimprime, unha circunstancia que dependerá, de novo, da vontade da comunidade: se unha camisola está esgotada, os usuarios teñen a posibilidade de votar para que volva a producirse. O sistema de votación é moi sinxelo, e para poder participar só hai que rexistrarse na web. Os usuarios califican os novos deseños (que previamente teñen pasado por un 'xurado interno' para chegar a esta fase) do 0 ao 5. Parece que unha media dun 2,6 adoita asegurar a impresión dun modelo, se ben esta media pode baixar, fundamentalmente se o deseño en cuestión atesoura demasiados 5 e 0 á vez, o que é interpretado coma un deseño que 'inspira paixón' e que, polo tanto, xerará vendas . Dous aspectos fan particularmente atractivas as camisolas de Threadless: por unha banda os seus prezos asequibles -entre os 15 e os 20 dólares, algo menos en euros, máis gastos de envío- que ademais se rebaixan a miúdo en constantes promocións, e por outra banda as pequenas tiraxes de cada modelo, que permiten renovar os deseños de seguido e preservar así esa valiosa sensación de 'exclusividade'. Aínda que Threadless ten a súa sede en Washington, realiza envíos a moitos países. Conta ademais con liñas creadas por deseñadores profesionais ou artistas, coma Roberto Gálvez, creador de Guatemala que despois de participar na web con máis de sesenta modelos creou a súa propia marca, Work & Playa. Existe tamén unha gama de camisolas máis baratas deseñadas a partir de mensaxes de texto, as Type Tees, e ultimamente a marca involucrouse a fondo nunha liña de roupa infantil, Threadless Kids, con tallas que van dende os tres meses até os doce anos. A web, que privilexia por riba de todo a participación dos usuarios, regala vales desconto a cambio de fotos, o menos típicas e o máis orixinais posibles, con calquera camisola Threadless: este é o material base do seu catálogo de produtos, onde a propia comunidade amosa a mercaduría. Destacan especialmente os concursos de deseños partindo dun tema ou motivo, normalmente en colaboración con outras marcas, organizacións, artistas ... así, teñen convocado certames para celebrar o 125º aniversario da Cruz Vermella Americana, outro arredor das 10 regras de ouro da lomografía, outros para lanzamentos musicais de afamados artistas coma Moby, etc. A súa tenda de Chicago, onde cada venres se renova o stock de camisolas, conta cunha escola de deseño na planta superior. Polo visto, todas as semanas se pintan tres paneis baseados nos deseños gañadores -que, por certo, non poden utilizar máis de cinco cores, branco e negro incluídos-, que se expoñen no escaparate e se venden a uns 250 dólares. En resumo, Threadless, que se alimenta ao 100% da enerxía creativa da súa comunidade, é un negocio absolutamente próspero, que vende enteiramente todo canto produce e que medra na medida en que a sua comunidade adquire maior importancia e peso. Amais, malia existir precedentes que traballaron na mesma liña, afirman que é a primeira web destas características que conseguiu unir todas as pezas e converterse no necesario lugar de encontro entre a tecnoloxía e o mundo material.
Favorito Bookmark Enviar a... Visitas: 193 Comentarios (0)
![]() Escribir comentario
Tes que estar logueado para escribir un comentario. Podes rexistrate se non tes xa unha conta creada.
|
|
| Última actualización ( Venres, 20 de Xuño do 2008 ) |
| < Ant. | Seg. > |
|---|

















0 comentarios





















