| Tecnoloxía a flor de pel |
|
|
|
| Escrito por Emma | |
| Martes, 09 de Setembro do 2008 | |
|
A tatuaxe é unha práctica ancestral que, como as perforacións corporais, ten sido utilizada por numerosas civilizacións ao longo da historia con diversos significados. Así, a tatuaxe exipcia estaba relacionada co eido erótico, emocional e sensual da vida; a azteca estaba vencellada a ritos máxicos que simbolizaban o tránsito á puberdade, unha marca única que permitía á alma superar os atrancos no seu camiño cara a morte; os nativos de América Central tatuaban nos seus corpos as imaxes dos seus deuses namentres que os guerreiros conmemoraban as súas vitorias na batalla; e en Polinesia, na que se cre que é a civilización máis antiga en realizar tatuaxes, o debuxo chamado moko convertía á persoa en única e inconfundible...
Nestes pobos pensábase que as tatuaxes protexían da mala sorte e das doenzas, ou empregábanse coma marcas de prestixio social. Pola contra, a tatuaxe utilizouse noutras civilizacións, coma Grecia e Roma, a xeito de castigo e 'estigma' (marca de culpabilidade); así, eran tatuados os acusados de sacrilexio, os escravos e os convitos. O mesmo acontecía en Oriente, onde as tatuaxes estaban reservadas aos criminais, se ben máis tarde se popularizaron. O redescubrimento definitivo da tatuaxe produciuse no século XVIII grazas ao Capitán Cook e ás súas viaxes polos Mares do Sur, onde os seus mariñeiros adoptarían esta práctica fundando a tradición mariñeira de tatuarse; por iso, os primeiros tatuadores se instalaron en cidades portuarias. En 1891 Samuel O'Reilly, inspirándose nunha máquina de Thomas Edison, inventa a primeira máquina de tatuar, e a principios do século XIX xa existían estudios profesionais de tatuaxe en todas as cidades importantes do mundo. Dende entón, e aínda que a súa significación social e iconografía foi evolucionando de acordo aos movementos sociais e culturais, pódese dicir que a tatuaxe moderna non se diferencia significativamente da tatuaxe utilizada polas antigas civilizacións, sendo ambas as dúas, en esencia, unha ferramenta para a elaboración da memoria individual e colectiva. Sen embargo, nos últimos meses trascenderon diversos proxectos que dende a netart, a nanotecnoloxía e mesmo a ciencia investigan novos enfoques e posibilidades para unha linguaxe visual até agora destinada a comunicar a idiosincrasia do individuo e o seu 'status'. A tatuaxe do futuro pasa por aplicar os últimos avances tecnolóxicos ao corpo humano, e empezou a introducir conceptos coma tatuaxe electrónica, tatuaxe dixital ou tatuaxe terapéutica. Hai algúns meses, Philips difundía este vídeo para presentar The Electronics Tatoo, un prototipo de tatuaxe electrónica destinada a expresar a <<forza visual da tecnoloxía>> empregando coma soporte a pel, pola que navegaría reaccionando ao tacto. O prototipo fai parte dun ambicioso proxecto denominado Philips Design Probes, unha especie de laboratorio de probas cuxo obxecto é explorar o estilo de vida do futuro post-2020 para delinear as vindeiras tendencias. Neste caso, estúdase unha tecnoloxía que denominaron SKIN, e que mediante tinta electrónica permitiría crear tatuaxes dinámicas cun número infinito de deseños. Ademais, a tatuaxe respondería a estímulos, transformándose ou aparecendo e desaparecendo en función das nosas emocións, co que se pretende crear unha nova vía de comunicación e de interacción cos demais sinxela e non verbal. ![]() A artista Gina Miller, tamén coñecida coma nanogirl, propuxo un proxecto similar, unha tatuaxe dixital que consistiría en implantar baixo a pel unha pantalla táctil flexible de maneira que a luz sexa visible a través da pel. Esta pantalla estaría formada por tres mil millóns de nanorobots que emitirían luz, e serían quen de xerar calquera palabra ou debuxo, mesmo animacións, é dicir, trataríase dunha tatuaxe programable que abriría un abano infinito de posibilidades e que se controlaría unicamente a través do tacto. Segundo a súa creadora, poderíamos dispor dende un sistema GPS no noso corpo, até unha conexión WiFi, obtendo a enerxía a partir da xerada polo movemento ou a calor humana. A diferenza das tatuaxes tradicionais, que só mudan de cor en rexións específicas da pel de xeito permanente, estas tatuaxes serian transitorias e mesmo dinámicas. Poderían cambiar por completo a maneira de expresarnos, de comunicar os nosos pensamentos e incluso de amosar parámetros médicos relacionados coa nosa saúde, informando das nosas constantes vitais ou a nosa temperatura corporal en cada intre. Pola súa banda, Klara Jirkova, unha alumna da Universität der Künste Berlin (UdK), ideou a tatuaxe braille: baseada en implantes subcutáneos de titanio, estes forman un debuxo recoñecible a través do tacto por aquela persoa invidente que toque a quen a leve ou, claro está, a si mesmo/a. ![]() Finalmente, científicos do Centro Alemán de Investigación do Cancro en Heidelberg, descubriron que as tatuaxes poden supor unha ferramenta óptima para a saúde. Os seus experimentos demostraron que tatuar sería unha maneira máis efectiva que as inxeccións intramusculares estándar para administrar unha nova xeración de vacinas de ADN. Estos expertos evaluaron a técnica das tatuaxes para a vacinación en ratos cun fragmento da proteína do virus do papiloma humano (VPH), un virus de transmisión sexual que causa o cancro cervical ou de útero, e atoparon que tres doses da vacina de ADN administradas por medio de tatuaxes producían alomenos dezaseis veces máis niveis de anticorpos que tres inxeccións intramusculares. O que fai o proceso de tatuar é xerar unha reacción inflamatoria pequena que 'chama' por células do sistema inmune e fai que a produción da resposta sexa moito máis rápida e eficiente. A tatuaxe tamén é quen de cubrir unha parte máis ampla da pel que unha inxección normal, polo que os antíxenos da vacina poden chegar a máis células e desprazarse cara os órganos centrais para activar de contado a resposta inmune.
Con todo, pode que esta técnica no sexa do agrado de todo o mundo, pois é probable que sexa dolorosa, se ben os científicos afirmaron que están traballando no desenvolvemento dunha máquina de tatuar máis especializada e menos invasiva. Favorito Bookmark Enviar a... Visitas: 174 Comentarios (0)
![]() Escribir comentario
Tes que estar logueado para escribir un comentario. Podes rexistrate se non tes xa unha conta creada.
|
|
| Última actualización ( Martes, 09 de Setembro do 2008 ) |
| < Ant. | Seg. > |
|---|


















0 comentarios




















