| Slow, a revolución tranquila |
|
|
|
| Escrito por Emma | |
| Martes, 26 de Agosto do 2008 | |
|
<<A vida é aquelo que sucede namentres planeamos o futuro>> John Lennon A grandes rasgos, poderíamos dicir que o movemento Slow é unha exaltación da reflexión e a calma na nosa vida cotiá, todo un pulso, ou máis ben un antídoto, ao ritmo desenfreado da sociedade actual. Pero trátase de moito máis que iso. O seu símbolo é un caracol, emblema da lentitude, e no terreo gastronómico, onde se orixina, Slow Food reivindica o pracer vencellado ao alimento, aprendendo a valorar a biodiversidade, o ritmo das estacións, a cociña local e tradicional, así como as técnicas de produción e cultivo artesanais en relación ao seu valor histórico, artístico ou social, facendo parte dun patrimonio que hai que protexer e preservar. Trátase do dereito ao disfrute por parte de todos, pero tamén dun novo sentido da responsabilidade denominado eco-gastronomía que conxuga pracer e coñecemento, fomentando a 'educación do gusto' como a mellor defensa contra a pseudo-calidade e contra a 'macdonalización' da alimentación.
Pero este movemento, que non deixou de estenderse polo mundo enteiro dende o seu nacemento na década dos oitenta, trasládase a outros ámbitos, individuais e colectivos, como unha nova filosofía de vida cuxo obxectivo é tomar o control do propio tempo, privilexiar a calidade fronte á cantidade e buscar un equilibrio real entre as ocupacións e o lecer-descanso. Así, existen xa decenas de Slow Cities ou 'Cidades tranquilas', fundouse unha Universidade da Ciencia Gastronómica que imparte un coñecemento multidisciplinar da alimentación, e a Slow attitude comezou a introducirse noutros aspectos como a actividade laboral ou a esfera máis íntima, onde triunfa o Slow Sex, sexo extremadamente demorado. Galicia tamén se sumou á revolución tranquila. O pasado mes de febreiro a Cofradía de Pescadores de Lira (Carnota) serviu de marco á reunión fundacional da delegación galega de Slow Food, denominada convivium, mentres que a semana pasada o Museo do Pobo Galego acollía a súa reunión constituinte. O primeiro acto que organice o convivium galego terá lugar o vindeiro 13 de setembro e consistirá nunha degustación de produtos. A súa actividade centrarase fundamentalmente na catalogación e recuperación de especies autóctonas en perigo de extinción como o millo corvo ou o porco celta. ![]() En 1986, co gallo da apertura dun McDonald's na emblemática Piazza di Spagna de Roma, o sociólogo e crítico gastronómico Carlo Petrini, quen liderara as protestas, decidiu fundar o movemento Slow Food en oposición á denominada 'fast food', que considera consecuencia dun virus, a 'fast life' <<que transforma os nosos costumes e nos persegue mesmo nos nosos fogares>>. O movemento, que propón un profundo cambio no noso sistema de hábitos e promove unha actitude saudable e respectuosa co medio ambiente, ten a súa sede na localidade piamontesa de Bra, ao norte de Italia. En 1989 converteuse nunha Asociación Internacional sen ánimo de lucro, e na actualidade agrupa a máis de 800.000 persoas en 104 países dos cinco continentes a través de 750 'convivia' ou sedes locais. En España, con 1.500 membros, está presente en Cataluña, Madrid, País Vasco, Andalucía, Aragón e Galicia. Os seguidores do Slow Food propoñen adicar máis tempo á nosa relación coa comida perseguindo un ideal que se resume no lema 'boa, limpa e xusta'. Entre os seus obxectivos atópase o de recuperar e reivindicar sabores esquecidos ou ameazados (Baluartes) por medio da Arca do Gusto (unha especie de despensa virtual), a formación dos sentidos a través da degustación, a aprendizaxe das técnicas produtivas dos alimentos, a exaltación da diversidade e a diferencia de sabores, a produción alimentaria artesanal, a agricultura ecolóxica, a pesca non depredadora e a gastronomía vencellada ás tradicións de cada territorio. En definitiva, reclaman a 'soberanía alimentaria' dos pobos, o dereito de cada comunidade a decidir qué quere cultivar, producir e comer, un cambio de conciencia segundo o cal son os consumidores os que deben marcar as tendencias de consumo, non as compañías. Nesta liña, o movemento desenvolve numerosas iniciativas dirixidas a 'educar os padales' como a implantación de hortas ecolóxicas nos colexios. Pero a máis destacada é a institución privada italiana Universidade da Ciencia Gastronómica, fundada en 2004. Este centro, único no mundo, combina a formación científico-alimentaria coa humanística e coa investigación, ten unha duración de cinco anos e imparte asignaturas coma historia da gastronomía, dereito alimentario, antropoloxía ou viticultura, ademais de incluir viaxes de estudos a Francia, Xapón, Marrocos ou India. Con dúas sedes, en Pollenzo e Colorno, acolle a estudantes de todo o mundo e nela converxen expertos internacionais que acoden a masters, conferencias, encontros ou cursos. Mais, como xa se dixo, Slow Food serviu de base para un movemento moito máis amplo que a revista Business Week denominou Slow Europe pero que tamén está fascinando aos norteamericanos, discípulos do 'fast' e da inmediatez. O slow susténtase no cuestionamento da présa e da 'loucura' xerada pola globalización. Segundo a publicación citada, os operarios franceses aínda que traballen menos horas (35 horas por semana) son máis produtivos que os seus colegas estadounidenses ou británicos, e os alemáns, que en moitas empresas xa implantaron a semana de 28,8 horas de traballo, viron medrar a súa produtividade nun eloxiable 20%. Esa actitude sen présa non significa facer menos, significa traballar e facer as cousas con 'máis calidade', con maior perfección, con atención aos detalles e con menos estrés. A vida Slow é un cambio cultural cara a desaceleración do noso xeito de vida e cara un maior gozo da mesma; non significa pasividade senón unha volta á revalorización dos afectos, á realización de actividades pracenteiras e a comer de maneira sa. Non significa deter o tempo, senón gozar del. Baixo estas premisas nacen as Slow City, caracterizadas pola redución do ruído, a protección e promoción dos produtos autóctonos, a multiplicación dos espazos verdes e as rúas peoniles, a xeralización da enerxía sostible ... co fin de proporcionar aos seus habitantes unha calidade de vida óptima. Italia conta na actualidade con 63 destas cidades, entre elas Bra, onde o reloxo do pobo está retrasado trinta minutos e onde obrigan ás tendas a pechar dous días á semana. As cittá Slow italianas fan parte dunha rede de cidades que quere reconquistar as rúas fronte aos coches, preservar un ambiente onde os veciños poidan recuperar o diálogo, o lecer e o encontro fronte á amenza do ruído, a velocidade e a contaminación. As certificacións das cidades slow efectúanse avaliando 59 puntos que se refieren a seis grandes categorías: a política do medio ambiente, a política das infraestruturas, as tecnoloxías para a calidade urbana, a valorización das producións autóctonas e a conciencia dos cidadáns.
Favorito Bookmark Enviar a... Visitas: 178 Comentarios (0)
![]() Escribir comentario
Tes que estar logueado para escribir un comentario. Podes rexistrate se non tes xa unha conta creada.
|
|
| Última actualización ( Martes, 26 de Agosto do 2008 ) |
| < Ant. | Seg. > |
|---|


















0 comentarios




















