close

Axenda Tendencias

Sáb Set 06 Xornadas de software libre
Moda Cyborg PDF Imprimir Correo-e
Escrito por Emma   
Martes, 06 de Maio do 2008
 
<<Es curioso como el tejido, material absolutamente silencioso, inofensivo, asociado a la naturalidad de una segunda piel, ahora comienza a cobrar vida con toda una serie de aparatos tecnológicos que se le incorporan (...) Que la ropa comunica es algo ya estudiado en muchas teorías del vestir. Pero ahora la ropa no sólo comunica implícitamente el modo de ser de la persona que la lleva, sino que estamos en presencia de ropa que comunica literalmente>> Karina Zarfino

É a nova revolución da industria téxtil e está sucedendo agora: trátase da era cibernética na que, durante a última década, se adentrou o mundo da moda, desenvolvendo numerosos prototipos e comercializando xa uns cantos -aínda que de momento en ámbitos moi específicos- que conxugan indumentaria, estilo e os últimos avances tecnolóxicos. Este man a man, unha tendencia en ascenso que propiciou a alianza entre famosas marcas de roupa e empresas líderes en tecnoloxía, escolas de moda e avanzados e innovadores laboratorios, foi posible grazas ao desenvolvemento dos chamados tecidos intelixentes ou i-ware, caracterizados por posuír unha capacidade de percepción selectiva da contorna, a adaptación a ela e mesmo facultade de asumir funcións, de enviar sinais e de permitir a comunicación a distancia.

Estes tecidos, pois, sentaron as bases precisas para trasladar a chamada 'intelixencia artificial' á roupa, permitindo que esta desempeñe tarefas propiamente humanas como a percepción, a adaptación e a toma de decisións para mellorar o noso rendemento e facilitar a nosa vida, tal e como xa anticipara determinado imaxinario procedente da literatura de ciencia ficción, do cómic ou de emblemáticos títulos cinematográficos. Indumentaria que pode conectarse a internet, que posúe memoria na que almacena información relativa a todo canto arrodea ao individuo e que dispón de autonomía ao funcionar con enerxía que xera o propio corpo humano ou incluso con pequenos paneis solares que leva incorporados...  ¿roupa con capacidades humanas ou humanos parcialmente robotizados? Presentámosche a roupa do futuro, disque, máis inmediato, a 'moda cyborg' .

Aínda que non hai acordo arredor da súa implantación real no 'común' da sociedade, e a 'tecnoloxía poñible' apenas representa o 1% da industria estadounidense da moda, a veloz e crecente integración de moda e tecnoloxía, certas alianzas empresariais e a experimentación dos deseñadores e dos laboratorios textís con materiais innovadores durante os últimos anos, pronostican que a tecnomoda se converterá nun futuro non moi alonxado nalgo básico e tan estendido no mercado como o é agora a 'moda convencional'.

Así, os especialistas sosteñen que a fusión da química, a enxeñería, a física e as matemáticas no desenvolvemento de novas indumentarias desprazarán os actuais fiados, e que as vestimentas  'dunha soa función' converteranse en auténticas especies en vías de extinción. Outros, cómpre sinalalo, consideran que un dos maiores impedimentos para o desenvolvemento da tecnomoda son as mulleres (si, as mulleres) xa que estas, din, 'non sacrificarán o valor estético pola innovación'.

Image

Os xa mencionados tecidos intelixentes, os que mudarán radicalmente o noso concepto actual de 'roupa', foron posibles grazas ao avance da nanotecnoloxía  e consisten en tecidos que levan incoporados micro sensores e que captan as necesidades do usuario así como os sinais tanto do seu organismo coma da súa contorna, con diversas funcións dirixidas a promover a saúde, a seguridade, a protección, o rendemento humano e incluso o benestar emocional. Trátase de aproveitar os últimos avances neste campo para dotar ás prendas dun valor engadido, algo que xa se conseguira no ámbito deportivo ou militar e que agora pretende trasladarse ademais ao consumo doméstico.

Un dos centros pioneiros na investigación de roupa intelixente, o MediaLab do Massachussets Institute of Technology leva anos desenvolvendo o proxecto wearable computers, máquinas capaces de entender e colaborar co home a través da roupa e dos tecidos. As súas indumentarias incorporan sensores, tecnoloxía que proporciona información física da contorna (como cámaras, GPS, micrófonos e outros sensores) así como R.A (Remembrance Agent) diminutos dispositivos que recompilan información e a almacenan na súa memoria para dispor dela en todo momento e en tiempo real. Estes R.A poden ofrecer pequenos resumos dos e-mails que recibe a persoa, que, sen necesidade de pantalla ou teclado, se poden ler na propia manga do traxe ou nunhas gafas visoras.

Tamén investigadores e deseñadores da Universidade Estatal de Arizona traballan en prototipos moi avanzados de traxes intelixentes ou traxes biométricos que responden ao medio ambiente no que se encontra a persoa así como aos seus signos vitais. Estes son quen de realizar unha gran cantidade de tarefas: administrar menciñas, detectar patóxenos, mudar de cor ou exhibir debuxos descargados directamente de internet para modificar o seu deseño ou seu estilo. Unha 'segunda pel intelixente' (Scentsory Chameleon Bodysuit ) que incorpora diversos medios tecnolóxicos para a revisión da saúde e análise médica en tempo real e a longa distancia. Un dos prototipos, deseñado como uniforme militar de camuflaxe, posúe uns detectores capaces de destruir bacterias, ampliar o seu ADN, buscar certas características de patóxenos específicos como o ántrax ou a viruela e revisar os signos vitais ou o nivel de cansazo  dun soldado.
 
 
Á marxe da aplicación destes tecidos en ámbitos específicos coma o sanitario ou o militar, o obxectivo dos grandes empresarios da moda é, como xa se dixo, introducir estes modelos de última xeración en todos os armarios, que se convertan na indumentaria cotiá das persoas e, de paso, que cumpran outras funcións. Así, tanto as pasarelas como as feiras e exposicións tecnolóxicas non deixaron de incorporar un número crecente de tecno-deseños coas máis diversas utilidades:
 
- Modelos intelixentes que son quen de proporcionar calor ou frío segundo a temperatura exterior, detectar alteracións da saúde, comunicar sensacións de perigo ou regular a medicación dun usuario diabético a partir da análise da suor.
- Textis antiviolencia elaborados con fibras moi finas de alta resistencia que aguantan navallazos e até disparos.
- Pixamas para bebés capaces de previr a síndrome da muerte súbita grazas a uns chips situados no tecido.
- Novas estruturas téxtiles -desenvolvidas, entre outros, polo Centro de Innovación Tecnolóxica da Universidade Politècnica de Catalunya - que mediante a técnica de microencapsulación están impregnados de principios activos como aloe vera, desodorantes ou repelentes de insectos.
- Vestidos que relaxan ou dan masaxes,  que mudan de cor en función da temperatura ou, incluso, do estado de ánimo.
- Biquinis solares capaces de almacenar enerxía e recargar, mediante un conector USB adxunto, un iPod ou un mp3.
- Chaquetas antichoque con airbag integrado para motoristas.
- Cazadoras bluetooth para orientar a esquiadores ou snowboarders.
- Tecidos revolucionarios que repelen líquidos, olores e outras substancias nocivas de xeito que se poden levar durante semanas sen necesidade de ser lavados.
....
 
Image
 
Un gran horizonte de posibilidades, en moitos casos de realidades, que permiten entrever  unha serie de transformacións e consecuencias non sempre tan positivas tanto na industria téxtil coma nas relacións humanas e que merecen ser tidas en conta. Así, con este tipo de indumentarias intelixentes os seres humanos poderíamos estar máis vixiados e controlados, un tema sen dúbida delicado; ademais as pequenas marcas de roupa tenderían a desaparecer e só sobrevivirían aquelas que tivesen a infraestrutura suficiente para asociarse con empresas de sectores diversos, como as telecomunicacións ou a electrónica; e, xa por último, o caso é que aínda resulta difícil precisar se tanta electrónica sobre o corpo terá algún tipo de contraindicación. 
Comentarios (0)Add Comment

Escribir comentario
Tes que estar logueado para escribir un comentario. Podes rexistrate se non tes xa unha conta creada.

busy
Última actualización ( Martes, 06 de Maio do 2008 )
 
< Ant.   Seg. >

Tendencias | Vídeo Destacado