| Cómo ser unha obra de arte |
|
|
|
| Escrito por redacción | |
| Martes, 23 de Setembro do 2008 | |
|
Hai ben pouco falabámosche das tatuaxes como unha práctica ancestral que ten sido empregada por numerosas civilizacións ao longo da historia con diversos significados, aínda que sempre e en esencia como unha ferramenta para a construción da memoria individual e colectiva. Igual de primitivas son prácticas tan contemporáneas e estendidas como os piercings, que tamén usan o corpo coma soporte e nas que de novo se detecta unha intención simbólica ou artística. Moito máis minoritario, pero nesta mesma liña atópase o Body Art, Body Paint ou Bodypainting cuxa orixe se remonta miles de anos atrás e que na actualidade experimenta un notable pulo. Trátase dunha disciplina encadrada na arte visual e cuxa natureza é extremadamente efémera, é dicir, o corpo espido transfórmase nun lenzo e a obra resultante 'apágase' ou desaparece logo da exhibición do ou da modelo, prolongándose, se acaso, nunha instantánea ou nun vídeo, mais xa como unha natureza morta.
![]() Este costume antiquísimo -como simple decoración da pel, como marca de recoñecemento entre membros dunha mesma tribo ou como método de camuflaxe na batalla e nas tarefas de caza- evolucionou co paso do tempo até chegar a ser na actualidade moito máis que unha moda ou unha tendencia estética. Para moitos simboliza a liberación do corpo e unha forma 'trascendental' de concibilo. Existe ademais un amplo abano de artistas que se adican en exclusiva á Body Art, nomes propios que acadaron un gran prestixio investigando e abrindo novas vías de expresión nesta disciplina. Arestora, e a pesar de arrastrar o estigma da nudez -aínda demasiado patente nas nosas sociedades- o bodypaiting está presente no teatro, na danza, no circo ou na televisión, e o facepainting, unha das súas ramas, é a base das técnicas de caracterización máis avanzadas empregadas polo cinema fantástico e de ciencia ficción. Nas últimas semanas tiveron lugar as dúas citas máis importantes da Body Art no mundo: o World Bodypainting Festival de Austria, que ao longo de máis de dez anos contribuiu ao desenvolvemento e recoñecemento da arte corporal, e o seu segundo evento, creado para dar saída á gran demanda do sector asiático, o World Bodypainting Festival de Daegu (Corea do Sur). Ambas as dúas convocatorias deixáronnos 'galerías' verdadeiramente impresionantes destas obras de arte pasaxeiras. ![]() No sur de Austria, rodeado dunha paisaxe impresionante e á beira da lagoa Millstätter See, atópase o parque público Klauberpark, un lugar máis que axeitado para celebrar o World Bodypainting Festival, o campionato mundial dunha arte moderna con raíces moi profundas que funde pintura, interpretación e fotografía, e cuxa última edición se celebrou entre os pasados 14 e 20 de xullo. Hai xa unha década que artistas de máis de corenta países se xuntan no idílico pobo de Seeboden para presentar as súas creacións fronte a máis de 25.000 persoas; durante unha semana os visitantes poden gozar de música en directo, grandes espectáculos, cociña internacional e, sobre todo, de arte en vivo. A convocatoria inclúe unha gran selección de workshops sobre temas relacionados con bodypainting, efectos especiais, facepainting, fotografía, maquillaxe ou airbrush, así como un programa completo de demostracións. O Festival continúa pola noite con numerosas festas, destacando o baile de fantasía BodyCircus no castelo medieval, transformado nun espazo místico inzado de figuras extraordinarias onde os convidados aparecen ataviados con fantásticos disfraces, mesturando arte corporal, maquillaxe extremo e máscaras. Os días principais, os últimos, están adicados aos World Bodypainting Awards, que inclúen as categorías de técnica de pincel e esponxa, técnica de airbrush e efectos especiais, así como unha categoría novidosa, o concurso de noite con efectos ultravioletas onde os artistas empregan cores fluorescentes. Ademais, ten lugar o concurso World Facepainting Award, que diferencia entre o maquillaxe clásico e as últimas técnicas en máscaras e pezas de efectos especiais, e máis o concurso internacional de fotografía World Bodypainting Photo Award nas categorías de imaxe en cor e arte dixital. Finalmente, o evento conta cunha praza de mercado e unha área de exposición onde se encontra todo sobre bodypainting, efectos especiais e accesorios. A semana remata coa Aftershow Party, que simboliza a amizade dos participantes, visitantes e artistas de todo o mundo. ![]() Co obxecto de unir culturas, o festival de Seeboden expandiuse a Daegu, Corea do Sur. O estadio de Worldcup foi o espazo onde o pasado 31 de agosto se repartiron os Asia Awards desta arte e onde, outra vez, se xuntaron artistas das más diversas nacionalidades para compartir non só as súas creacións, senón tamén o seu proceso creativo.
Favorito Bookmark Enviar a... Visitas: 192 Comentarios (0)
![]() Escribir comentario
Tes que estar logueado para escribir un comentario. Podes rexistrate se non tes xa unha conta creada.
|
|
| Última actualización ( Martes, 23 de Setembro do 2008 ) |
| < Ant. | Seg. > |
|---|


















0 comentarios





















