| Avanzar polo muro |
|
|
|
| Escrito por Emma | |
| Mércores, 04 de Xuño do 2008 | |
|
O artista italiano BLU deixou coa boca aberta a medio mundo coa súa curta MUTO, An ambiguous animation painted in public walls. Seguramente xa terás dado con el en calquera recanto da web, e se non é así, non deixes de mergullarte no seu característico universo irracional, poboado de personaxes malsáns e até macabros que nos falan do declive, destrución e morte da sociedade occidental, da perda total da nosa conciencia e razón. Un discurso crítico e directo que se arrastra e retorce por muros, chans, paredes, sumidoiros, buracos e vereas.
MUTO é unha animación de sete minutos realizada integramente mediante a técnica coñecida coma Stop Motion (creación dun vídeo con fotografías estáticas) a partir de murais pintados en Bos Aires e en Baden (Alemaña). Un inmenso traballo que consistiu en pintar, fotografar e borrar incesantemente, para transformar a natureza estática e efímera do graffiti nun novidoso material audiovisual que achega unha nova dimensión, até agora inédita, a esta arte. O arrepiante e á vez cativador resultado -que é xa unha segunda versión na que se logrou interactuar co entorno- enriquecido coa música de Andrea Martignoni, asistido por Sibe e producido por Mercurio Film, rexistra neste momento máis de 1.650.000 visualizacións en Youtube. Na web do artista podes acceder a máis información, fotografías e making of do proxecto. Blu, que traballa e vive en Bologna (Italia) é unha figura relevante no ámbito da plástica italiana e é ademais un artista da rúa recoñecido internacionalmente. Sen embargo, non é un exemplo de artista graffitero 'ao uso'. Para abordar os seus murais xigantes emprega ferramentas tradicionais (brochas, rodillos, pértigas ...), e as súas representacións, guiadas por explícitas mensaxes políticas e sociais, son en realidade 'desfiguracións' da nosa sociedade, caricaturizacións dun home inhumano e monstroso cunha rídicula apariencia inocente. Alonxado dos circuitos artísticos de consumo masivo, sostivo tamén unha relación distante con institucións e galerías, participando en moi poucas exposicións persoais ou colectivas. O seu rasgo característico é o branco e negro máis unha cor, e as súas contornas a ruralidade e a marxinalidade, esquivando as rúas das grandes cidades occidentais. Amosa ademais unha clara preferencia polos espazos abandonados, desasistidos, coma edificios en ruínas, túneis, alpendres ... Din que é un deses artistas cuxa obra medra permanentemente en mensaxe e alcance. Con influencias do mundo do cómic e do manga pero tamén da escenografía, a súa vontade ten sido a de nutrirse das realidades sociais de cada un dos países que foi visitando. Un espléndido exemplo é Megunica , un documental dirixido por Lorenzo Fonda que narra o traxecto do artista, en compaña dun grupo de amigos, por diversos países de Latinoamérica (México, Guatemala, Nicaragua, Costa Rica e Arxentina). Unha xira de tres meses na que Blu se mergullou na cultura popular de cada un destes países, das súas rúas e das súas xentes, á vez que foi deixando a pegada dos seus murais, moitos deles realizados en colaboración con artistas ou habitantes da localidade en cuestión. O resultado, ademais do DVD do documental, é un diario de viaxe que manifesta a súa constante preocupación social coma cidadán do mundo, a súa vocación de universalidade, ademais dos muros e os debuxos que manifestan a viaxe interior, paralela, do artista. Actualmente é un dos seis artistas que cobren coas súas pinturas os emblemáticos muros industriais da Tate Modern en Londres. Trátase da iniciativa Street Art at Tate Modern, coa que o museo londinense apostou, nun momento dourado para esta arte, polas novas técnicas artísticas urbanas, máis contestatarias e máis libres. Até o vindeiro 25 de agosto, os que se acheguen a un dos museos contemporáneos máis visitados do mundo, ou á súa contorna presidida polo río Támesis, poderán ver un espectáculo inusual: seis pinturas de cincuenta metros de altura cada unha, que cobren case por enteiro a fachada do prestixioso edificio. Xunto a Blu, que unha vez máis recorre á crítica social sen paliativos, completan a mostra Faile, de Nova Iorq, JR, de París, o barcelonés Sixeart e os brasileiros Os Gêmeos e Nunca. Ademais, o comisario desta iniciativa, Cedar Lewisohn, que asegurou que os autores españois están entre os mellores do mundo, decidiu que un grupo de artistas asentados en Madrid -Spok, El Tono and Nuria, Nano 4814 e 3TTMan- mostrasen os seus traballos nos arredores do museo baixo o título Walking Tour. Favorito Bookmark Enviar a... Visitas: 292 Comentarios (0)
![]() Escribir comentario
Tes que estar logueado para escribir un comentario. Podes rexistrate se non tes xa unha conta creada.
|
|
| Última actualización ( Mércores, 04 de Xuño do 2008 ) |
| < Ant. | Seg. > |
|---|

















0 comentarios





















