| Arte auditiva |
|
|
|
| Escrito por redacción | |
| Mércores, 16 de Xullo do 2008 | |
![]() Fronte á primacía das linguaxes visuais e audiovisuais, diversas correntes de experimentación artística traballan especificamente coa linguaxe do son. Para dar a coñecer o traballo realizado por estes creadores e para achegar ao espectador á arte auditiva, o Museo de Arte Contemporánea Unión Fenosa (MACUF) da Coruña puxo en marcha ArtEx Sonoro, unha mostra de arte e experimentación sonora comisariada por Alejandro Durán Barreiro e Antía Dona Vázquez. Cada un dos creadores que participan na mostra achegan diversas visións e métodos de traballo co material sonoro, polo que as diferentes actuacións de ArtEx Sonoro cobren un amplo abano estilístico que vai dende a instrumentación analóxica até os novos medios de creación dixital. A primeira actuación, a cargo de Manuel Gião + Ángel Faraldo tivo lugar este martes. A mostra continuará o vindeiro martes, 22 de xullo, con Xedh, a quen seguirán Durán Vázquez (30 de xullo) e Yuaf (5 de agosto). Todas as actuacións van ter lugar na Sala Picasso do MACUF e a entrada é libre e gratuíta con aforo limitado. Paralelamente, Ángel Faraldo dirixe un Obradoiro de Introdución á Creación Musical por Ordenador, destinado a estudantes, músicos, artistas e persoas interesadas no ámbito da música e/ou as novas tecnoloxías, que se está desenvolvendo todos os xoves e luns dende o pasado 10 de xullo e até o vindeiro 4 de agosto. O Obradoiro abordará as principais tendencias desenvolvidas no eido da música electrónica e a música por ordenador, co obxecto de dotar aos participantes das ferramentas básicas para unha inmediata manipulación creativa destes recursos. Ao mesmo tempo, a través de audicións e lecturas, fomentarase a reflexión sobre as novas vías creativas abertas pola informática, así como sobre o uso da tecnoloxía con fins expresivos.
Favorito Bookmark Enviar a... Visitas: 169 Comentarios (0)
![]() Escribir comentario
Tes que estar logueado para escribir un comentario. Podes rexistrate se non tes xa unha conta creada.
|
|
| Última actualización ( Mércores, 16 de Xullo do 2008 ) |
| < Ant. | Seg. > |
|---|























