'O mar, o barco e máis nós' PDF Imprimir Correo-e
Escrito por Emma   
Xoves, 17 de Xullo do 2008
 
<<Fomos ficando sós/ o Mar o barco e mais nós>> de SÓS , De catro a catro. Follas d'un diario d'abordo, Manuel Antonio.

<<As galegas e os galegos posuímos un enorme patrimonio cultural ligado ao mar e aos ríos. Durante séculos pescamos, navegamos e comunicámonos nunha costa de gran diversidade. Ao longo duns 1.200 quilómetros de costa altérnanse as enseadas cos promontorios, as praias cos cantís e coas marismas, e as zonas abertas ao temporal coas abrigadas. Dentro desta orografía destacan tamén as rías, e non hai que esquecer que Galicia tamén é o 'país dos mil ríos'>> da Presentación da participación galega na Festa Marítima Internacional de Brest.

A Festa Marítima Internacional de Brest está considerada unanimemente o maior evento marítimo do mundo. Cada catro anos, e dende 1992, os mariñeiros bretóns acollen aos mariñeiros do mundo nun acontecemento náutico-festivo que se desenvolve nun marco e nun ambiente incomparables. Din que a enseada da cidade se torna un xigantesco teatro no que os visitantes se senten no corazón dun verdadeiro anaco de historia marítima, nun peirao auténtico e vivo no que se poden contemplar as embarcacións máis fermosas do mundo.

Pois ben, Galicia é nesta edición de 2008 un dos cinco países convidados de honra xunto a Croacia, Noruega, Madagascar e Vietnam. É, de feito, a primeira vez que se convida a un país que non é estado, o que demostra a gran riqueza marítima de Galicia, unha potencia que determina non só a nosa xeografía, economía ou tradicións, senón tamén as nosas manifestacións culturais e a nosa identidade.
 
A festa de Brest, que botou a andar o pasado día 11 de xullo, clausúrase hoxe, e  precisamente onte celebrou o Día de Galicia con numerosos actos ao longo da xornada, entre eles o de botar ao mar unha dorna que estivo construíndo in situ durante a feira un carpinteiro de ribeira. A data non podía ser  máis axeitada: a Nosa Señora do Carme ou Virxe do Carme, Stella Maris, é honrada nas nosas vilas mariñeiras cada 16 de xullo: é o tributo da xente do mar á súa patroa, e a ela adícanse fermosas procesións de embarcacións que deitan flores nas ondas coma ofrenda aos mortos.

Galicia enviou a Brest unha frota composta por vinte e cinco embarcacións tradicionais procedentes de distintos puntos da nosa xeografía: dornas, gamelas, botes, galeóns, buceta, lancha do xeito, traiñeira, barca de dornas, barca de paso, catraia ... tamén o Hidria Segundo, o barco de vapor orixinal que completou a expedición.

Pioneira na Península Ibérica en encontros de embarcacións tradicionais grazas ao labor dos distintos colectivos que integran a Federación pola Cultura Marítima e Fluvial, Galicia debe este patrimonio a moitos séculos de navegación, á variada orografía do litoral galego que determina diversas formas de pesca para adaptarse ás diferentes áreas, e ao contacto coas culturas coas que nos relacionamos no pasado. Estas embarcacións, amarradas á beira do espazo galego en Brest, participaron diariamente en desfiles comentados ao público, e na  noite de onte, día grande da nosa tripulación, lideraron unha frota nun desfile con iluminación no que tamén figuraron embarcacións bretoas, irlandesas ou croatas.

Galicia en Brest

A delegación galega ocupou na Festa Marítima de Brest un lugar central de 1.500 m2, o Village galego, composto por cinco carpas e dúas oficinas de información con material de promoción audiovisual e impreso que deu conta aos centos de miles de visitantes das características de Galicia. No centro, unha praza cuberta cunha alfombra de céspede na que se podía ler un poema de Manuel Antonio.

O programa de actividades de Galiza en Brest contemplou a exhibición tanto en terra coma no mar. En terra, o Village galego acolleu unha colección de maquetas de grandes dimensións de embarcacións tradicionais; traballos de exhibición de carpintería de ribeira; obradoiros de cestería, de construción dunha gamela e de baile; música a cargo de Treixadoura e Leilía; pasarrúas; servizo de restauración e promoción da nosa gastronomía; e unha gran pantalla de 10 m2 onde se proxectaron materiais audiovisuais especialmente elaborados para a ocasión. Xa no mar, a maior frota de barcos tradicionais que sae de Galicia realizou exhibicións diarias que culminarán coa participación na xornada de hoxe na saída da regata final, a emblemática Regata Brest-Douarnenez.
 
Galicia en Brest 
 
Para que te fagas unha idea da magnitude do evento, abondan algunhas cifras: 2.000 embarcacións tradicionais; 25 países representados; 15.000 mariñeiros; 300 expositores; 2.000 animadores, músicos e artistas; 800 xornalistas acreditados de todo o mundo; 5.000 voluntarios; preto dun millón de visitantes ... O emprazamento de Brest 2008 é moi amplo é disperso, polo que se deseñaron uns percorridos temáticos nun peirao composto por varias zonas: o Porto de Comercio, o Porto Deportivo, do Castelo, a Penfeld e a Quinta Dársena Leste.

Os barcos de diversas partes do mundo navegan todo o día, e os visitantes poden subir a bordo e mesmo embarcarse para navegar a vela nalgúns casos. Namentres, a festa no peirao é unha celebración multicultural onde cada poboado amosa as súas músicas populares, exposicións, gastronomía ... Os famosos fogos artificiais e os desfiles náuticos orquestrados por Gad Weil pechan, á noite, cada xornada.
 
Galicia en Brest 
Comentarios (0)Add Comment

Escribir comentario
Tes que estar logueado para escribir un comentario. Podes rexistrate se non tes xa unha conta creada.

busy
Última actualización ( Xoves, 17 de Xullo do 2008 )
 
< Ant.   Seg. >

NX | Vídeo Destacado