| Lánguidos, emocionais e perseguidos |
|
|
|
| Escrito por Emma | |
| Xoves, 21 de Agosto do 2008 | |
|
<<Ser emo é un estado da mente, é un lugar para a xente que non encaixa pero que quere encaixar con outra xente que non encaixa>> Trevor Kelley - Leslie Simon Aínda que xa hai uns anos que a súa presenza é visible nos núcleos urbanos de diversas partes do mundo, nos últimos meses os medios de comunicación prestaron especial atención ao que denominan unha nova tribo urbana integrada por rapaces e rapazas moi mozos e extremadamente 'sensibles, introspectivos e antisociais'.
![]() Os emos, que toman o seu nome do vocábulo inglés 'emotional', caracterízanse por vestir roupa axustada e escura combinada con prendas rosas, azuis ou moradas, pantalóns pitillo, zapatillas Converse All Star ou Vans a cadros, ollos enmarcados con grosos trazos negros, bocas pintadas e un longo flequillo a xeito de veo cubrindo a metade do seu rostro para non ver, e non ser vistos, por esa parte da sociedade que non lles gusta e os avergoña. Complementos coma cintos e pulseiras, piercings e algunhas tatuaxes completan o conxunto. Adoitan ser moi delgados, de aspecto andróxino, e autodefínense coma persoas moi sensibles, melancólicas e tristes. Cultivan a conciencia os seus 'sinais de identidade': o aillamento, a incompresión, a tristura, a dor e o pesimismo. Apáticos, fráxiles, indefensos e até inertes, un bo número deles confésanse depresivos, bipolares e bisexuais. Se ben esteticamente son unha fusión de diversas tribos 'clásicas', sinaladamente de punks e góticos, como moitos outros movementos urbanos xurden estreitamente vencellados á música. O termo empezou a empregarse na década dos 80 coma diminutivo de emotional hardcore, un subxénero musical que naceu en Washington coma unha 'escisión' do punk, caracterizado por letras poéticas e sentimentais, con grupos pioneiros coma Rites of Spring, Embrance, Gray Matter, Bad Religion ou Minor Threat. Xunto a eles, unha das máis probables influencias é o grupo de post punk inglés Joy Division, cuxo vocalista Ian Curtis se aforcou con tan só 24 anos. Na actualidade, os emos son afervoados seguidores de grupos un tanto afastados destes precursores coma AFI, Allison, 30 Seconds to Mars, Panic at the Disco, Good Charlotte e sobre todo My Chemical Romance, unha banda que chegou a ser responsabilizada pola prensa do suicidio de dúas adolescentes emos (emogirls) que, polo visto, estaban obsesionadas coa súa música. Porque as 'lendas urbanas' ou estereotipos que perseguen a este movemento falan de tendencias suicidas e autoflaxelacións xeralizadas. Na súa maioría, o culto ao suicidio soe ser simbólico, un 'coqueteo' ou unha maneira de dramatizar a moda que, con todo, sociólogos e psicoanalistas consideran perigosa. As automutilacións, cortes na pel cuxas cicatrices os emos utilizarían coma sinal de fraternidade e pertenza ao grupo, coma sinónimo de descontento coa sociedade, ou como un xeito de 'purgar' a dor que os anega, están supostamente documentadas en internet con fotos e decenas de vídeos que os emos suben á rede. E precisamente estes son algúns dos aspectos que situaron a esta tribo ou tendencia xuvenil no punto de mira e nos titulares. Fálase de cacerías de emos e mesmo de emofobia, e o certo é que abonda unha breve ollada á rede para atopar todo tipo de descalificacións, insultos, ridiculizacións, ataques, consignas violentas do tipo 'Fai patria, mata un emo', así coma blogs e webs adicadas en exclusiva a estes efectos. En xeral, o resto de tribos prodígalles unha manía feroz ... pero non só: os emos non son 'ben vistos na sociedade'. Un dos países con máis 'adeptos' emos, Rusia, aprobou recentemente un proxecto de lei dirixido a atallar o que considera unha 'perigosa tendencia adolescente'; o documento pretende regular os espazos públicos onde os emos se reúnen, as súas webs e a súa vestimenta por considerar que promoven unha cultura 'negativa e depresiva' capaz de alentar 'o comportamento antisocial e o suicidio'. Esta lei xa está vixente en Siberia, onde os emos se manifestaron denunciando o que consideran unha alarmante discriminación. Cantantes e grupos emos sumáronse a estas críticas, como o músico Dmitry Gilevich da banda rusa MAIO, quen argumentou que <<expresar emocións non pode estar prohibido por ningunha lei>>. Moi lonxe de alí, en México, os emos sofreron ataques violentos e continuados por parte doutras tribos urbanas. O pasado mes de marzo 200 mozos convocaron por internet unha 'quedada' na capital cuxo fin era 'mallar nos emos para que aprendan a non estar onde non merecen'. O resultado foi unha auténtica batalla campal entre adolescentes que se saldou con trinta detidos. O máis grave do asunto é que en México o odio a estes mozos foi alentado dende algúns estamentos da sociedade e mesmo dende instancias gobernamentais. Así, o alcalde da cidade de Celaya anunciou un plan para 'reubicar' aos emos que se concentran no centro da cidade porque 'afectan á imaxe' e 'dan mal exemplo', mentres que un grupo de deputados do estado de Oaxaca propuxo 'evitar' a formación de grupos de emos porque son 'alleos á cultura local'. Pero ... ¿a que se debe tanto odio?. Os emos son a corrente urbana máis moza, agrupando a rapaces e rapazas de entre 12 e 18 anos, presentan un aspecto fráxil e indefenso, maniféstanse pacifistas, defenden os dereitos dos animais e soen esquivar as adiccións. Copian aquelo que lles gusta doutras tribos e asúmeno coma propio, pero a diferenza doutras subculturas urbanas, aínda que como case todas elas son unha resurreción das vellas rebeldías románticas contra o mundo moderno, non pretenden mudar a orde social imperante, ao contrario: <<Non queremos cambiar o mundo, sabemos que iso non ten sentido>>. Segundo o académico Andrés Alcántara <<a maioria dos emos son fashion, é dicir, só están á moda e non asumen unha ideoloxía>>. Para Dego (Nuevas Movidas y Juventudes en conflicto), as razóns que xeran estas fobias poderían resumirse deste xeito: vinganza por terse apropiado de elementos identitarios, musicais e até ideolóxicos doutras tribos; rexeitamento á ambigüidade de xénero que os emos manifestan na vestimenta e tamén nas prácticas sexuais; e medo á diferenza, rexeitando a diversidade cultural vista coma un obstáculo para o desenvolvemento da sociedade. Por outra banda, unha imaxe débil e 'emotiva' nun mundo que privilexia a fortaleza e a contención, xeraría automaticamente desprezo e rechazo por parte daqueles sectores que pregoan o estereotipo do 'triunfador'. Favorito Bookmark Enviar a... Visitas: 231 Comentarios (0)
![]() Escribir comentario
Tes que estar logueado para escribir un comentario. Podes rexistrate se non tes xa unha conta creada.
|
|
| Última actualización ( Xoves, 21 de Agosto do 2008 ) |
| < Ant. | Seg. > |
|---|


















0 comentarios




















