| Erótico ecolóxico |
|
|
|
| Escrito por Emma | |
| Xoves, 11 de Setembro do 2008 | |
|
<<Vas en bicicleta al trabajo, comes orgánico, te pronuncias contra los transgénicos, tienes focos fluorescentes y usas biodegradables en casa... Está perfecto. Es un buen inicio para cuidar de este planeta, pero ¿quieres hacer más? ... Apaga las luces, disfruta al máximo y al mismo tiempo contribuye desde la cama a mejorar el medioambiente. Cuidar de la tierra nunca había sido tan erótico... >> Guía Greenpeace para un sexo amigable con el ambiente. Podes, se así o desexas, ser 'unha bomba sexual' que non faga estoupar o planeta ... alomenos literalmente. Por iso Greenpeace México considerou axeitado lanzar na rede un decálogo de 'sexo verde', pois, na súa opinión, o activismo ecolóxico ha de estar presente en todos os eidos da nosa vida cotiá, mesmo na nosa intimidade. A campaña, cun ton desenfadado e divertido, pretende iniciarnos na ecosexualidade, e para convencernos infórmanos de que tanto a industria dos xoguetes sexuais como a pornográfica comezaron a 'facerse verdes' empregando materiais máis respectuosos ou achegando doazóns a organizacións que traballan neste sentido. Tal vez se trate de green wash, a moda de o verde vende que agora se meteu debaixo das sabas, pero en calquera caso, argumentan, hai que darlle a benvida. E se o anterior non te convence, cóntanos que de acordo cunha revista inglesa de cabaleiros chamada Nuts, unha das cualidades que as mulleres agregaron á súa lista para sentirse cativadas por un home é que este sexa 'verde', porque iso os volve 'irresistibles'. ... Se a estas alturas xa te estás preguntando cómo converterte nun bo 'ecoamante', a organización, baixo a premisa de que sempre hai un xeito alternativo e máis positivo de facer as cousas, pon á túa disposición dez sinxelos consellos que xa foron bautizados como Os 10 mandamentos do sexo ecolóxico.
En primeiro lugar Apaga as luces, porque se reduces o teu consumo de enerxía estarás contribuíndo a reducir as emisións de gases efecto invernadoiro, e polo tanto o cambio climático; se de todos xeitos non queres renunciar a 'ver', existen outras opcións: empregar candeas de cera de abellas ou parafina, orgánicas e moi románticas ou, obviamente, practicar sexo durante o día. En segundo lugar, se es dos que prefiren veladas máis sofisticadas e paradisíacas, pensa que se ben é certo que algunhas froitas como os amorodos, as amoras ou as cereixas poden ser afrodisíacas, debes asegurarte previamente de que foron cultivadas libres de transxénicos ou pesticidas. ¿Amor a toda costa? Non, o terceiro consello avísanos de que consumir ostras e outros mariscos, tamén considerados afrodisíacos, só contribúe a expoliar máis os nosos océanos, ameazados pola sobrepesca, e que ademais as ostras en concreto son bioindicadores da contaminación mariña porque adoitan acumulala, polo que a súa inxesta non é demasiado recomendable a non ser que te asegures da súa orixe. Amor reciclado, cuarta regra, ínstate a reutilizar envases doutros produtos, que mesmo podes decorar ao teu gusto, para gardar preservativos, lubricantes ou xoguetes sexuais. O quinto punto, pola súa banda, recoméndache non empregar lubricantes elaborados a base de petróleo, senón ecolubricantes, aqueles cuxa base é a auga, e ademais lémbrache que a lingua é o mellor instrumento e a saliva o mellor lubricante natural. Escravo da paixón, non do petróleo, sexto mandamento, está dirixido aos que gostan dos xoguetes sexuais, advertíndolles que estes en moitos casos están elaborados con PVC (Policloruro de Vinilo) que xera 'algún dos químicos máis tóxicos que existen, as dioxinas e furanos'; coma alternativa Greenpeace recomenda accesorios de substancias naturais como o caucho, o látex ou a pel. Ademais, e en sétimo lugar, Aforra auga, lembra que nalgunhas zonas do planeta o que ti fas é un luxo, e a ducha é un pequeno gran pracer que deberías compartir coa túa parella. ¿Sabes de onde vén a madeira da cama na que dormes e gozas do sexo? Se segues o oitavo consello, Cama sustentable, saberalo: terás en conta que teña sido fabricada con madeira certificada e que non incentive a tala ilegal dos bosques. Xa en noveno lugar, benquerido ecoamante, gasta roupa interior orgánica, porque evitando a confeccionada con algodón esquivarás un dos procesos de produción máis contaminantes que existen. Finalmente e en décimo lugar, aínda que isto non o inventou Greenpeace, fai o amor e non a guerra. Segundo declarou unha portavoz de Greenpeace México, Cecilia Navarro, esta campaña converteuse no material máis visitado da súa web, con case 9.000 visitas nun só mes, un éxito que vén a sumarse ao da campaña ForestLove, destinada a denunciar a tala ilegal de árbores, e que segue a mesma filosofía erótico ecolóxica. Greenpeace, que sempre se caracterizou pola orixinalidade das súas campañas e protestas, sorprendeu nesta ocasión cun suxerente vídeo no que non aparecen homes nin mulleres, aínda que si se advirten caricias e poden escoitarse xemidos, senón erotismo vexetal en estado puro. Ademais, a campaña convidaba aos internautas a subir o seu propio material (fotos e vídeos) amosando cómo esparexían o amor nos bosques. A data límite para enviar o material rematou onte, 10 de setembro, e co contido recompilado editarase un vídeo colaborativo que será presentado o vindeiro mes á CE.
Favorito Bookmark Enviar a... Visitas: 156 Comentarios (0)
![]() Escribir comentario
Tes que estar logueado para escribir un comentario. Podes rexistrate se non tes xa unha conta creada.
|
|
| Última actualización ( Xoves, 11 de Setembro do 2008 ) |
| < Ant. | Seg. > |
|---|


















0 comentarios



















