| Carta branca |
|
|
|
| Escrito por Emma | |
| Xoves, 28 de Agosto do 2008 | |
|
A tarxeta postal, cuxa orixe se remonta ao século XIX, é un vehículo social e cultural que se resiste a pasar de moda. Ao contrario, as súas múltiples posibilidades expresivas e creativas, lonxe de terse deixado intimidar polos novos e aplastantes modos de comunicación -e-mails, SMS ...- souberon sacarlles partido xerando formatos máis actuais como as e-cards ou postais electrónicas. Aproveitando esta mesma vitalidade, hai máis dunha década nacía a tarxeta postal publicitaria, máis coñecida coma postalfree, que comezou a distribuirse en España en 1995 importando unha idea que xa triunfara noutros países europeos coma Holanda ou Alemaña. O seu auxe foi impresionante, até o punto de converterse en iconas do deseño gráfico e da linguaxe publicitaria máis audaz.
O seu lema é 'O mellor da vida é gratis', e pouco a pouco instaláronse nas nosas vidas coa maior naturalidade: acostumámonos a explorar os expositores e a deixarnos seducir por aquelas que máis nos gustan, a coleccionalas, a envialas coma postais tradicionais, a empregalas coma marcapáxinas e mesmo a pegalas nas nosas paredes como un elemento decorativo máis. Nestes trece anos a variedade dos seus formatos e materiais multiplicouse e segundo datos ofrecidos pola empresa publicitaria que as bautizou, Postalfree, o 57% dos enquisados españois recollen postais gratuítas. Do mesmo xeito, o 82% dos alemáns, o 80% dos holandeses, o 78% dos franceses e o 66% dos británicos consultados, adoitan levalas. Entre eles, máis da metade elíxenas polo seu deseño, e unha elevada porcentaxe dalles algún uso. Este ano Postalfree convocou xunto ao Club de Creativos (c de c) o I Concurso Carta Blanca, un certame que chega por vez primera a España despois de converterse nun referente do deseño en países coma Francia, Italia ou Reino Unido. A convocatoria, que permite a artistas e deseñadores experimentar sobre o medio, tivo como lema central a auga e xa hai 24 finalistas cuxas postais se poderán atopar até o vindeiro mes de decembro en máis de 4000 expositores de 35 cidades. En xaneiro de 2009 coñeceranse os dous gañadores, e ti podes participar na súa elección. ![]() Así é, as vinte e catro postais finalistas circulan dende o pasado mes de maio por toda España, logo de ser presentadas entre os profesionais do sector o 25 de abril, e continuarán até fin de ano. Carta Blanca outorgará dous premios: por unha banda, o Gran Premio do Xurado á postal elixida polos membros de c de c e Postalfree, e pola outra, o Premio Especial á máis votada polo público en xeral a través do envío das postais, de sms e dos votos na web. O obxectivo do certame, denominado Carta Branca porque non existen límites á creatividade dos participantes, que puideron traballar libremente neste soporte sen máis imposicións nin pautas que a temática, é fomentar a experimentación neste medio para construir campañas de carácter social de alto impacto. Aseguran que en ocasións a mellor publicidade é a quen non semella publicidade; iso é o que ocorre coas postais gratuitas: non son vistas como unha mensaxe agresiva polo público, que as acepta positivamente. O gran acerto desta fómula é conseguir que sexa a persoa a que se achega ao anuncio e non á inversa, como sucede cos soportes tradicionais. Trátase do que os profesionais do sector denominan unha estratexia 'non intrusiva' e que converte ao suxeito nun elemento activo, espertando o seu interese a través dun coidado deseño. O atractivo, o punto de vista estético, contribúe a que a mensaxe que se quere transmitir perdure máis tempo. Isto vén reforzado pola ampla utilidade das postais, que son incluso coleccionadas, constituindo un método de comunicación moi efectivo. Os establecementos onde se instalan os expositores (bares, discotecas, cafeterías, restaurantes, cines, teatros, centros comerciais, universidades, hoteis ...) selecciónanse en función do tipo de clientela e da actividade, priorizando os relacionados co lecer e a cultura. A empresa española Postalfree mantén máis de 4000 puntos expositivos en 35 cidades, chegando cada mes a 4.500.000 persoas. Paralelamente, máis de 20 millóns de postais gratuitas distribúense cada semana en toda Europa. As persoas que por iniciativa propia collen e polo xeral dan uso a estas postais publicitarias, adoitan ter entre 18 e 40 anos, e segundo os datos proporcionados por Postalfree encádranse nas clases media, media-alta e alta, un consumidor urbano e activo que sente curiosidade pola cultura, o cinema, as marcas, as novidades e o lecer. O 43% do público que acode aos locais mira sempre as postais, un 69% lembra algún produto ou marca e a gran maioría elixe as postais en función do seu deseño e a súa temática. O 41% di coleccionalas, un 23% emprégaas coma elemento decorativo, un 22% envíaas, e o resto usaas sinxelamente para informarse. As campañas publicitarias poden ser locais ou estatais, e durante una campaña estatal cunha duración de quince días poden chegar a distribuirse 400.000 postais. Pero máis alá das campañas comerciais, que as utilizan para reforzar o contido informativo das súas mensaxes ou como apoio ás súas campañas tradicionais, a eficacia e o carácter non agresivo das postalfree convértenas nun dos soportes máis empregados por concellos, institucións e asociacións para dar a coñecer as súas iniciativas culturais e sociais ou para trasladar mensaxes de concienciación aos mozos e mozas. ![]() Así, o pasado mes de xullo, Telecinco, en colaboración con Durex, puxo en marcha unha campaña nos circuitos de Postalfree para abogar pola sexualidad responsable. Ademais da distribución de postais gratuitas, esta campaña fundamentouse na emisión do xa tradicional spot televisivo, vertebrador das mensaxes da iniciativa Doce meses, doce causas, nun concurso online e na imaxe de dous personaxes con gran capacidade para chegar á mocidade: Christian Gálvez e María Castro.
A canle, que xa recorrera a este formato en anteriores ocasións, produciu dúas postais diferentes coa imaxe de Christian Gálvez acompañada do texto 'Ponte el preservativo, y no tendrás que preocuparte de nada a la mañana siguiente', namentres que na segunda postal a foto de María Castro serve para ilustrar a mensaxe 'Ponte el preservativo. Olvídate de los problemas y diviértete', en ambas as dúas, ademais, inclúense diferentes 'sexconsejos' e instrucións para participar no concurso on-line. Favorito Bookmark Enviar a... Visitas: 172 Comentarios (0)
![]() Escribir comentario
Tes que estar logueado para escribir un comentario. Podes rexistrate se non tes xa unha conta creada.
|
|
| Última actualización ( Xoves, 28 de Agosto do 2008 ) |
| < Ant. | Seg. > |
|---|


















0 comentarios





















