| ¿Canto hai que non che pasa nada? |
|
|
|
| Escrito por Emma | |
| Xoves, 18 de Setembro do 2008 | |
|
<<Creemos en la comunicación como algo poderoso y emocionante. Nuestra misión es comunicar. Nuestro medio, todo. Porque todo lo que existe dice algo. Y si el medio no existe, lo inventamos>> Shackleton Group A axencia de comunicación Shackleton Group puxo en marcha o pasado 8 de setembro unha innovadora campaña de publicidade, que definiu como un 'experimento piloto', para impulsar un pobo illado, solitario e practicamente deserto, é dicir, un destino completamente alonxado dos circuitos turísticos a pesar do seu valioso patrimonio natural e artístico. O proxecto consta dunha web cuxo dominio é o propio slogan (www.elpuebloenelquenuncapasanada.com) e catro spots publicitarios que se emiten nas canles temáticas Calle 13 e Fox. ... Hai unha sentenza que reza 'Se non pasa nada, pasará', e iso é o que lle aconteceu ao pobo no que (até agora) non pasaba nada.
O pobo chámase Miravete de la Sierra, atópase na comarca do Maestrazgo, provincia de Teruel, e segundo o último censo hai doce veciños empadroados. A mercede do cerzo que trae do Moncaio ventos de tranquilidade, no medio de ningunha parte, Miravete de la Sierra e os seus doce veciños convertéronse no máis recente fenómeno mediático. A web, na que podes realizar un paseo virtual en tres dimensións polas súas rúas e lugares guiado pola voz en off dun dos seus habitantes (Cristobal, de 86 anos) recibiu en apenas dúas semanas case 150.000 visitas. Ademais, o pobo viuse asaltado por unha marea de visitantes e un exército de reporteiros atraídos polo fenómeno. Dase por certo que se trata dunha campaña de marketing viral, e segundo declarou o director de Shackleton, Pablo Alzugaray, a El País <<dentro de unas semanas se podrá desvelar todo, pero el objetivo, sin ninguna duda, es dar a conocer el pueblo>>. ![]() Mentres tanto podes mergullarte na web de Miravete, coñecer os seus segredos e á ducia de veciños, mercar bonecos coa súa cara, adquirir unha 'tella virtual' para colaborar na rehabilitación da súa igrexa, descargar melodías para o móbil co tema oficial (A Tarara) ou salvapantallas cos habitantes xogando ás cartas, reservar un cuarto nun dos dous aloxamentos do pobo e até xogar on-line a muxir cabras rebeldes. Acosado pola despoboación dende hai décadas, esta campaña promocional supuxo para o municipio de Miravete de la Sierra un auténtico revulsivo. Á expectación espertada en televisións, radios e xornais engadiuse a reapertura do hotel municipal, que permanecía pechado dende hai xa algún tempo. Agora o Concello agarda que a súa famosa web lle permita recadar suficientes fondos para reparar a igrexa do pobo, Nosa Señora das Neves, unha marabilla gótico renacentista do século XVI cuxos estucos e pinturas barrocas perigan polo lamentable estado do seu tellado. A isto está destinada a sección Doa unha tella, a dez euros cada unha, así como, entre outros produtos, as réplicas a escala -entre 15 e 20 centímetros de altura e a 180 € a peza- dos doce veciños que protagonizan este boom mediático: Providencia, Juan, Timoteo, Ascensión, Félix, Carmen, Ángel, Palmira, Bernardo, Josefa, Faustina e Cristobal. A web tamén permite realizar reservas na Casa do cura ou na Casa rural a 50 € a noite, aínda que se participas no xogo online, o I Open Internacional de Muxir Cabras, podes gañar unha fin de semana para catro persoas en Miravete. <<Estábamos buscando un pueblo minúsculo que no tuviera nada para hacerlo famoso. El que más nos gustó fue éste, sobre todo, por la acogida de sus habitantes cuando les explicamos la idea. Es un experimento de comunicación>> Shackleton Group, unha axencia nada convencional, foi quen de converter en suxerentes virtudes o que sempre se considerou un motivo para 'fuxir': un pobo no que nunca pasa nada, como tantos outros da nosa xeografía. Axudados polo feito de que se puxo de moda entre os 'urbanitas' redescubrir paraxes onde o tempo se detivo e onde o excepcional é o cotián, a campaña saca punta a esta tendencia con frases do tipo 'el tiempo no pasa ni adelantando la hora', 'en Miravete hasta las películas de acción se lo toman con calma' ou '¿Cuánto hace que no te pasa nada?'. A hora punta é a hora de ir a mercar o pan, unha nova flor é o tema do día e a fonte -que saiu na tele hai vinte anos- é a famosa do pobo. A conclusión está clara, no medio da case nada, nun sitio onde podes coñecer en 12 segundos aos que te arrodean, acabarás batendo e encontrándote contigo mesmo ... ou, ben.... se cadra tamén con algún xornalista. Cunha mensaxe moi pulida, moita simpatía, un coidado deseño, bo desenvolvemento e espléndida realización, foron moitos os que viron detrás dunha estratexia de comunicación tan profesional unha campaña moito máis ampla, un suposto que finalmente chegou a confirmarse. Á espera de que se revele qué hai detrás, e coa esperanza de que non desmereza en talento e sensibilidade ao que até agora conseguiu entusiasmar e arrincar todo tipo de eloxios na esixente rede, a ducia de anciáns deste insignificante concello, novas estrelas da era virtual, manexan como boamente poden, ou saben, unha repercusión mediática que empeza a desbordalos.
Favorito Bookmark Enviar a... Visitas: 156 Comentarios (0)
![]() Escribir comentario
Tes que estar logueado para escribir un comentario. Podes rexistrate se non tes xa unha conta creada.
|
|
| Última actualización ( Xoves, 18 de Setembro do 2008 ) |
| < Ant. | Seg. > |
|---|


















0 comentarios



















