Actos e Actitudes PDF Imprimir Correo-e
Escrito por Emma   
Xoves, 15 de Maio do 2008

Mercar: na nosa sociedade de consumo este é un acto cotiá que podemos converter nun acto de explotación, o máis habitual, ou de xustiza. Cando adquirimos un produto, raramente coñecemos as circunstancias nas que foi elaborado; polo xeral adoitamos fixarnos no prezo, no sabor, na apariencia ... pero case nunca pensamos nas persoas que o producen. Sen embargo, cando buscamos un produto elaborado en condicións de traballo dignas e salarios xustos, sen explotación infantil, respectando os dereitos humanos, as culturas indíxenas e máis o medio ambiente, convertemos os nosos actos en actitudes e eliximos comercio xusto, un movemento internacional que vela por un sistema de relacións comerciais e produtivas entre o Norte e o Sur máis igualitario e ético, e que tamén responde á denominación de Comercio Equitativo, Comercio Solidario ou Comercio Alternativo.

O pasado sábado 10 de maio celebrouse o  Día Internacional do Comercio Xusto, que en España, baixo o lema Dá a cara polo planeta. Elixe Comercio Xusto, deixouse sentir en máis de 80 actos destinados a difundir este comercio alternativo e o seu destacado papel na loita contra o cambio climático. En Galicia, organizadas pola Comisión de Comercio Xusto da Coordinadora Galega de ONGD , celebráronse actividades na Coruña, Santiago de Compostela, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo, que consistiron na exposición, venda e degustación de produtos de Comercio Xusto, así como actuacións en directo de diversa índole, xogos cooperativos, obradoiros educativos e unha rolda de prensa conxunta na que participaron Amarante-Setem, Axuda en Acción, Intermón Oxfam, Solidariedade Internacional, Taller de Solidariedade, UNICEF e Amigos da Terra.

A nivel estatal, e co fin de concienciar á poboación sobre o Comercio Xusto como ferramenta para combater a pobreza e o cambio climático, a Asociación Internacional de Comercio XustoIFAT- e a Rede Europea de Tendas de Comercio XustoNEWS!- apoiaron a campaña desenvolvida en España pola Coordinadora Estatal del Comercio Xusto enviando representantes de todas as súas oficinas ás xornadas  Comercio Xusto e Medio Ambiente que tiveron lugar este luns , 12 de maio, e o martes, 13 de maio, na Casa Encendida de Obra Social Caja Madrid.

 

<<Todos los productores, por su propia cultura, son conscientes del cuidado de la tierra, pero, además, les motiva especialmente saber que el producto cultivado sobre las mismas premisas que ellos han venido trabajando históricamente, tiene un valor mayor en el mercado, casando de esta manera las tradiciones culturales de los productores con los criterios de consumo responsable de los consumidores finales>> Enrique Medina (técnico en Maquita Cushunchic Comercializando Como Hermanos -MCCH-, organización produtora e comercializadora de Comercio Xusto).

O Día Internacional do Comercio Xusto celébrase cada ano o segundo sábado do mes de maio impulsado por IFAT, onde están integradas 256 organizacións de sesenta países. Este 2008 o día estivo dedicado ao compromiso co medio ambiente a través do comercio equitativo, é dicir, a contribución dos consumidores á redución do impacto medioambiental elixindo comercio xusto, baseado no diálogo, a transparencia e o respecto.
 
Image

A xustiza económica, social e ambiental están íntimamente vencelladas. Gran parte do deterioro medioambiental do planeta está provocado polo sistema socio-económico convencional, onde os procesos produtivos e comerciais executados por grandes transnacionais, que deslocalizan as súas industrias para reubicalas en países onde as lexislacións laborais e ambientais son máis permisivas, ocasionan graves impactos negativos na sociedade e no medio natural. É dicir, a súa fórmula e as súas prácticas non representan ningún tipo de garantía para a erradicación da pobreza nin a conservación do medio ambiente, senón máis ben ao contrario, consolidan as dinámicas de pobreza, abuso e exclusión na maior parte do Sur, ocasionando graves repercusións tanto no ámbito social coma no ambiental.

Algúns dos problemas medio ambientais máis siginficativos provocados por este sistema de comercio convencional son: favorecer o emprego de tóxicos nos procesos produtivos; fomentar os monocultivos intensivos, moi significativamente azucre ou algodón, coa conseguinte perda de biodiversidade ; defender o uso de transxénicos que, ademais dos impactos ambientais que provocan, someten aos labregos á dependencia das transnacionais que llos subministran; fomentar a existencia de intermediarios comerciais innecesarios, o que conleva o aumento de redes de transporte contaminante ... Por outra banda, o comercio internacional, na súa fórmula dominante, consolidou as dinámicas de pobreza e exclusión na maior parte do Sur; un número significativo de grandes transnacionais que operan no mercado mundial  abastécense de fábricas ubicadas en países do Sur onde as lexislacións laborais e ambientais son máis permisivas, expoliando os seus recursos naturais e utilizando procesos produtivos e comerciais que ocasionan graves impactos negativos tanto na sociedade local como na súa contorna natural. 
 
Para combater estes factores, o Observatorio de Corporacións Transnacionais de IDEAS (Iniciativas de Economía Alternativa e Solidaria), desenvolveu unha ferramenta de análise de conduta empresarial mediante a difusión pública das investigacións sobre diferentes sectores económicos e marcas comerciais, un traballo que se reflicte en materiais didácticos e campañas de sensibilización social, e que responde á crecente demanda por parte da cidadanía de novos modelos e alternativas capaces de minimizar e de transformar os impactos ocasionados polo sistema económico contemporáneo.
 
Image 
 
Aínda que poida parecer unha tendencia actual, o comercio xusto ten os seus inicios na década dos 40 en Estados Unidos, cando varias asociacións decidieron establecer intercambios comerciais máis xustos para os traballadores do Terceiro Mundo. O movemento, sen embargo, non empezará a consolidarse até os anos sesenta, sobre todo despois de que na primeira conferencia de UNCTAD (Conferencia das Nacións Unidas sobre Comercio e Desenvolvemento) celebrada en Xenebra no ano 1964, os países do Terceiro Mundo demandasen unha nova forma de relación co resto do mundo sustentada polo comercio e non pola axuda humanitaria.

A primeira tenda de comercio alternativo foi posta en marcha por un grupo de xoves holandeses para protestar contra as relacións comerciais pouco equitativas entre Norte e Sur, unha experiencia que pronto se estendería por Europa, constituindo unha rede independente, até que nos anos 90 as diversas organizacións que até ese momento traballaran nos seus diferentes países se agruparon na Asociación Europea de Comercio Xusto (European Fair Trade Association, EFTA). Na actualidade, hai a nivel mundial unhas 60-70 redes deste tipo, a maioría delas en Europa.

En España o comercio xusto dá os seus primeiros pasos no ano 1986,  cando xurden no País Vasco Los Traperos de Emaús e en Andalucía a Cooperativa Sandino, coñecida actualmente como Iniciativas de Economía Alternativa e Solidaria (IDEAS). O movemento difundiuse por todo o Estado a través de diversas organizacións e ONGs que encetaron tamén tarefas de importación e distribución, até que en 1996 nace a Coordinadora Estatal de Organizacións de Comercio Xusto. En Galicia, está constituída na actualidade unha Comisión do Comercio Xusto integrada por nove organizacións.
 
Image

Nos últimos anos, a consolidación do movemento e o plantexamento de novos debates xerou outra perspectiva do comercio xusto que trascende a visión tradicional e cuestiona o discurso único centrado na produción en orixe e na necesidade de aumentar as vendas, como vía para axudar aos países deprimidos. Este novo enfoque plantexa un modelo de comercio xusto transformador, opoñéndose á venda dos seus produtos en grandes superficies e rexeitando o seu uso coma instrumento de márketing empresarial. Ademais, este sector traballa xunto a labregos e consumidores en campañas contra os transxénicos, a favor da reforma agraria e da produción agroecolóxica... vencellando o comercio xusto á defensa da terra, das sementes, e a promoción dos circuitos curtos e o comercio de proximidade.
Comentarios (0)Add Comment

Escribir comentario
Tes que estar logueado para escribir un comentario. Podes rexistrate se non tes xa unha conta creada.

busy
Última actualización ( Xoves, 15 de Maio do 2008 )
 
< Ant.   Seg. >

NX | Vídeo Destacado