A 48 edición da Romaría Vikinga de Catoira estrea drakkar PDF Imprimir Correo-e
Escrito por redacción   
Venres, 25 de Xullo do 2008
 
Romaría Vikinga de Catoira
 
Os actos da 48 edición da Romaría Vikinga de Catoira, comezan esta fin de semana coa V Rapa das Bestas do Xiabre, que se celebra o sábado e o domingo na carballeira de San Cibrán.

A principal novidade da Romaría nesta edición, é a incorporación do drakkar Frederikssund á escuadra vikinga que desembarca nas Torres de Oeste. O Concello de Catoira construíu este ano a nova nave, baseada no deseño do Gokstad, co fin de dar resposta á crecente demanda das persoas que cada ano desexan participar no asalto á fortaleza, ó tempo que se dá maior espectacularidade ao evento.

O novo barco leva o nome do pobo danés co que Catoira mantén unha irmandade desde 1997. Co gallo da estrea do drakkar, a vindeira semana chegará a Catoira unha delegación procedente do concello de Frederikssund, encabezada polo alcalde, Ole Find Jensen, que vén acompañado doutros representantes municipais e un grupo musical. Tamén estará de novo en Catoira o embaixador de Dinamarca en España, Niels Pultz.

A tradición desta festa profana remóntase a 1960, cando se celebrou por vez primeira un acto rememorando o desembarco do rei Ulfo 'O Vikingo' nas terras do Ulla.

En 1992 unha delegación formada por 150 membros do grupo de teatro da cidade danesa, encabezada pola princesa Elisabeth de Dinamarca, visita Catoira. Os drakkar vikingos que se utilizan no desembarco son o resultado destes contactos, xa que o primeiro foi construído en 1993 logo de que un grupo de expertos artesáns catoirenses viaxaran a Dinamarca para estudar os métodos vikingos de construción de barcos de ribeira e decidisen facer unha copia exacta do Skuldelev 5, atopado no fondo do fiordo de Roskilde (Dinamarca). O mesmo proceso se seguiu para a construción do novo barco Frederikssund.

Outro dos cambios que sufriu a Romaría Vikinga co paso do tempo foi a ampliación da súa duración. Así, o programa da Romaría foise enriquecendo coa Semana do Teatro Romaría Vikinga e outras actividades que tratan de potenciar ó mesmo tempo o espírito cultural e literario dos seus fundadores. A Romaría Vikinga foi recoñecida en novembro de 2002 coa declaración de Festa de Interese Turístico Internacional.
Comentarios (0)Add Comment

Escribir comentario
Tes que estar logueado para escribir un comentario. Podes rexistrate se non tes xa unha conta creada.

busy
 
< Ant.   Seg. >