Onte déronse a coñecer os títulos das
vinte e sete curtas finalistas do
IV Festival On&Off, organizado pola produtora
Mr. Misto Films e máis polo
Concello de Ribadeo. Estes títulos competirán na
Sección Oficial en cadansúa categoría: doce na de
Ficción, outras doce na de
Animación e tres na
Documental. O
Festival, que arrincará o martes
29 de xullo e se desenvolverá até o vindeiro
2 de agosto, seleccionou estes traballos de entre un total de 440 que se recibiron de 39 nacionalidades diferentes, xa que por vez primeira os organizadores abriron a convocatoria ao ámbito internacional.
Mais o
Festival On&Off, unha iniciativa que vai camiño de se converter na referencia da creación audiovisual no noroeste español, convoca por terceiro ano consecutivo o concurso
A Toda Mecha, un proxecto de produción dixital e independente orientado á gravación instantánea de minicurtas e dirixido aos creadores mozos con ganas de experimentar. Os grupos seleccionados, integrados por unha media de cinco participantes que chegarán do
País Vasco, Navarra, Madrid ou
Asturias, deben realizar unha curta no prazo máximo de 75 horas. Preprodución, gravación e montaxe nun tempo récord e coa vila de Ribadeo coma plató.
E non só iso, o
Festival inclúe na súa variada programación o
Intercambio Xuvenil 'Intercultural Audiovisual', que se celebrará
dende mañá sábado até o 4 de agosto e que reunirá a mozos e mozas de
Bulgaria, Portugal, Reino Unido e
España. Organizado coa colaboración da
Asociación InterRuris ao abeiro do programa
Xuventude en Acción, no encontro os participantes van producir tres traballos audiovisuais.