| Curtametraxes express |
|
|
|
| Escrito por Emma | |
| Venres, 25 de Xullo do 2008 | |
|
Onte déronse a coñecer os títulos das vinte e sete curtas finalistas do IV Festival On&Off, organizado pola produtora Mr. Misto Films e máis polo Concello de Ribadeo. Estes títulos competirán na Sección Oficial en cadansúa categoría: doce na de Ficción, outras doce na de Animación e tres na Documental. O Festival, que arrincará o martes 29 de xullo e se desenvolverá até o vindeiro 2 de agosto, seleccionou estes traballos de entre un total de 440 que se recibiron de 39 nacionalidades diferentes, xa que por vez primeira os organizadores abriron a convocatoria ao ámbito internacional.
Mais o Festival On&Off, unha iniciativa que vai camiño de se converter na referencia da creación audiovisual no noroeste español, convoca por terceiro ano consecutivo o concurso A Toda Mecha, un proxecto de produción dixital e independente orientado á gravación instantánea de minicurtas e dirixido aos creadores mozos con ganas de experimentar. Os grupos seleccionados, integrados por unha media de cinco participantes que chegarán do País Vasco, Navarra, Madrid ou Asturias, deben realizar unha curta no prazo máximo de 75 horas. Preprodución, gravación e montaxe nun tempo récord e coa vila de Ribadeo coma plató. E non só iso, o Festival inclúe na súa variada programación o Intercambio Xuvenil 'Intercultural Audiovisual', que se celebrará dende mañá sábado até o 4 de agosto e que reunirá a mozos e mozas de Bulgaria, Portugal, Reino Unido e España. Organizado coa colaboración da Asociación InterRuris ao abeiro do programa Xuventude en Acción, no encontro os participantes van producir tres traballos audiovisuais. O Festival Creativo de Curtas On&Off nacía en 2005 coa vontade de difundir e promocionar as películas de curta duración, un produto polo xeral maltratado nas convocatorias cinematográficas, achegándoas ao gran público. Todos os títulos que compiten na Sección Oficial do certame son exhibidos durante os días do festival nas prazas máis emblemáticas de Ribadeo, un concello engalanado para a gran festa da creatividade audiovisual. Compiten este ano na Categoría de Ficción: PRESENT PERFECT de Mikel Rueda, BILINGÜE de Cecilia Perolio, FEST de José Luis Montesinos, MACHU PICCHU de Hatem Khraiche Ruiz-Zorrilla, 18 SEGUNDOS de Bruno Zacharías - Miguel López Ximénez 'Macgregor', PELO OUVIDO de Joaquim Haickel, SILBA PERFIDIA de César Esteban Alenda, SAVE THE WORLD de David Casals-Roma, MÍNIMO COMÚN MÚLTIPLO de Rubén Coca, LOST IN MONTANARO de Andrea Canepari, CORES de Jairo Iglesias e BOTONES de Julio Mazarico. Para a Categoría de Animación foron seleccionadas as curtas: LOS PECADORES de Pablo Polledri, EL PRÍNCIPE DE LAS BASURAS de Francisco Antonio Peinado, LA FÁBULA DEL PRISIONERO Y LA FLOR de Romina Robles, 1977 de Peque Varela, EL EMPLEO de Santiago Bou Grasso, O PINTOR DE CEOS de Jorge Morais Valle, LEVEDAD de Pablo Delfini, LEO de Fernando Cortizo, SALVATION de Maria Litvinova, SOLOS de David Cobo Díaz - Francisco Rodríguez Sousa, REVOLT OF THE MOUSES de David Alejandro Gen e DIBUJO DE DAVID de Iván Morales; namentres que conflúen na Categoría Documental: VALKIRIAS de Eduardo Soler, BATA POR FUERA (MUJER POR DENTRO) de Claudia Brenlla e EL DOCTOR ITALIANO de Esben Hansen. Estes títulos competirán polos galardóns Misto de Pau de Sabugueiro á Mellor Curta de Ficción, Misto de Pau de Carballo á Mellor Curta Documental, Misto de Pau de Castiñeiro á Mellor Curta de Animación (concedidos por un xurado que integrarán profesionais do mundo cinematográfico e cultural) e Misto de Pau de Loureiro á Mellor Curta do Público, cada un deles dotado con 1.200 €. Ademais, todas as curtas recibidas pola organización, con independencia de que gañen ou non un premio no Festival, entrarán a facer parte do programa Redecurtas, promovido por Mr. Misto Films dende o 2003. Redecurtas consiste na exhibición en espazos de carácter alternativo (cafés-teatro, cafés-concerto...) ou en espazos de xestión pública (auditorios, casas da cultura, prazas, centros de ensino....) de toda a xeografía galega, e cada curta recibirá a remuneración de 12 € por cada pase que realice dentro deste programa. Mais sen dúbida o gran reclamo do On&Off é o Certame de Creación de Minicurtas A Toda Mecha, un innovador proxecto de produción conxunta no que a organización pon a disposición dos creadores mozos todos os elementos necesarios para a gravación e produción de curtamentraxes dixitais: dende o material técnico até a intendencia pasando polo elenco de actores (cun casting previo na localidade) ou a banda sonora (unha selección de música de grupos noveis galegos), sen esquecer os permisos de gravación en determinados espazos, os decorados, equipos de edición ou un ordenador PC para a montaxe.
A Toda Mecha, apoiado dende a súa primeira edición pola Axencia Audiovisual Galega, xa é un referente para todos os mozos creadores galegos que queren demostrar o seu bo facer cinematográfico nun tempo récord, e aposta decididamente por valores emerxentes, novos contidos e novas tecnoloxías. Dende o mércores 30 de xullo ás 10:00 hs., que se dará a saída á gravación e se entregará aos equipos participantes un sobre pechado cos condicionantes (1 elemento de atrezzo + 1 localización), até o sábado 2 de agosto ás 13:00 hs., que rematará o prazo, os grupos deben gravar e editar as súas obras, cunha duración que non superará os cinco minutos. Un xurado seleccionado para a ocasión recoñecerá a calidade, a rapidez e máis a orixinalidade cun premio único de 3.000 € que se dará a coñecer na Gala de Entrega de Premios do Festival. Favorito Bookmark Enviar a... Visitas: 285 Comentarios (0)
![]() Escribir comentario
Tes que estar logueado para escribir un comentario. Podes rexistrate se non tes xa unha conta creada.
|
|
| Última actualización ( Xoves, 24 de Xullo do 2008 ) |
| < Ant. | Seg. > |
|---|


















0 comentarios



















