close

Axenda Deportes

Lun Out 06 Xornadas da Liga Primeira Nacional Feminina
Mar Out 07 Salonauto A Coruña
Mér Out 08 Salonauto A Coruña
¿Tecnodopaxe? PDF Imprimir Correo-e
Escrito por Emma   
Luns, 02 de Xuño do 2008

<<Minusválido significa para min que hai algo que non podo facer. E non hai nada que eu non poida facer>> Oscar Pistorius

'Home Bala', 'Atleta Biónico', 'Blade Runner', 'O home máis rápido sen pernas'...  até hai relativamente pouco tempo Oscar Pistorius só era coñecido no mundo do deporte paraolímpico, sen embargo agora mesmo o seu nome a case ninguén resulta alleo. Durante os últimos meses ocupou numerosas páxinas nos diarios, columnas de opinión, reportaxes televisivas, e foi un dos temas estrela na rede, onde, por suposto, se poden rastrexar decenas de vídeos do atleta sudafricano 'en acción'. Din que a súa historia fixo historia e que a partir de agora se abre un horizonte imprevisible, que o seu caso senta un precedente de permisividade no que deu en chamarse 'tecnodopaxe' ¿Representa Pistorius un triunfo da robótica sobre a bioloxía, como opinan algúns, ou trátase dunha vitoria do deporte en xeral, 'unha conquista para todos os atletas discapacitados', como el mesmo declarou?

 
 
Oscar Pistorius (Pretoria - Sudáfrica, 1986) é na actualidade un auténtico ídolo no seu país. Froito dunha malformación conxénita, naceu sen tibia, peroné e óso do nocello, polo que, con apenas un ano de vida, os médicos decidiron amputarlle ambas as dúas pernas por debaixo do xeonllo. Aprendeu a camiñar con prótesis e, axudado pola posición economicamente folgada da súa familia, pronto destacou coma un deportista inédito: dende a súa infancia xogou ao tenis, ao waterpolo e ao rugby. Despois de sofrer en 2001 unha lesión, decidiu adicarse ao atletismo e, en poucos meses, xa se convertera no 'home máis rápido sen pernas': plusmarquista paralímpico de 100, 200 e 400 metros, conquistou a medalla de ouro nos 200 metros lisos e a de bronce nos 100 metros nos Xogos Paralímpicos de Atenas.

Unha serie de logros que para moitos son a demostración da súa enorme forza de vontade e superación. Oscar, pola súa banda, ten declarado <<a clave do meu éxito é que me adestro máis que o resto, aliméntome mellor e descanso máis. Son o máis rápido sobre ningunha perna e, se me deixan, tentarei selo sobre aqueles que teñen as dúas>>. Por iso, ostentar os records mundiais na súa categoría nunca foi suficiente para el: a súa intención é competir con atletas non discapacitados, e a súa determinación  firme e sólida abreu un intenso debate sen precedentes.
 
Oscar Pistorius 
 
Pistorius corre cunhas próteses de fibra de carbono especialmente fabricadas para el en Islandia pola empresa Ossur; uns carísimos amortiguadores ortopédicos en forma de lámina (cada un deles está valorado en 12.000 euros) denominados 'cuchillas de guepardo' (Cheetah Flex-Foot) que se converteron no centro da polémica. Ironicamente, o atleta pretoriano foi acusado de competir cunha 'vantaxe desleal', e as súas próteses foron obxecto de avanzados estudos científicos no campo da biomecánica deportiva para avaliar se estas supoñen unha axuda tecnolóxica en comparación con alguén que non as utiliza, é dicir, se se trata dun caso de 'tecnodoping'.

O corredor, que xa cumprira o seu soño de competir con atletas 'convencionais' o ano pasado (conseguindo o segundo posto na carreira B da reunión de Roma e participando tamén na de Sheffield (Inglaterra), onde foi descalificado) sempre aspirou, en realidade, a participar nas inminentes  Olimpiadas de Pequín 2008 xunto á selección nacional de Sudáfrica. Pero este 'atrevemento' bateu coa negativa tallante da Asociación Internacional de Federacións de Atletismo (IAAF) . Sen embargo, diante da apelación do deportista, a entidade encargou un estudo ao reputado científico da Universidade de Colonia (Alemaña) Peter Bruggemann.
 
Oscar Pistorius 
 
Esta investigación, na que a IAAF investiu uns 50.000 euros, comparou en novembro de 2007 un longo 'sprint' de Pistorius cos doutros cinco atletas sen discapacidade e con semellante potencial na proba dos 400 metros lisos, e concluiu que este corre con considerable vantaxe porque as súas próteses lle devolven o 90% da enerxía producida, fronte ao 60%  que reciben os velocistas sen discapacidades. Ademais, segundo este estudo, o sudafricano 'corre ao revés': sae lento, sofre na fase de lanzamento e nos 200 primeiros metros, pero corre máis rapidamente os últimos 200. Para isto empregáronse 12 cámaras de infrarroxos e 4 máis de vídeo de alta velocidade, catro plataformas de forza para estudar os apoios e as forzas de reacción recibidas do chan, o almacenamento e retorno da enerxía elástica, os cambios de lonxitude e frecuencia das zancadas, consumo de osíxeno e produción de ácido láctico. O informe final subliñaba que as próteses coas que compite Oscar Pistorius permítenlle tirar unha vantaxe mínima dun 25% respecto aos seus competidores.

En consecuencia, a IAAF dictaminou o pasado mes de xaneiro que Pistorius non podería competir contra atletas sen discapacidade; unha decisión politicamente incorrecta que foi calificada de discriminatoria por gran parte da opinión pública, e que o plusmarquista paralímpico non tardou en recorrer diante do Tribunal de Xustiza Deportiva (TAS). Alegando que non se puidera demostrar suficientemente que obteña vantaxe algunha coas súas próteses, e aportando un informe elaborado polo seu propio equipo de científicos estadounidenses, Pistorius saíu finalmente vencedor e conseguiu vía libre para disputar a proba clasificatoria de cara aos Xogos Olímpicos.  

De todos xeitos, as súas posibilidades de clasificarse para Beijing son complicadas, xa que a súa mellor marca nos 400 metros é de 46s:90c e a mínima olímpica é 45s:55c (A) ou 45s:95c  (B), aínda que si podería ser seleccionado para o relevo 4x400 sexa cal sexa o seu tempo. A este respecto declarou: <<Quedei atrás na preparación e os dous meses que restan para Pequín poderían no ser suficientes, pero agora podo tentar acadar o soño de participar nuns Xogos Olímpicos e, se non pode ser en Pequín 2008, pois será nos de Londres 2012>>
 
 
Corra nas probas olímpicas do vindeiro mes de agosto ou en Londres, a pregunta segue no aire: ¿Correrá Pistorius con vantaxe?
 
Os seus detractores afirman que conta cunha vantaxe mecánica demostrable, e que os deportistas deben competir en igualdade de condicións. Ademais, sosteñen que incluso coas próteses é un deportista de mediano nivel, cuns rexistros que o inclúen no inmenso grupo dos velocistas normais e correntes. Tamén se destacou que a súa batalla legal, da que se encargou un afamado e exclusivo bufete de avogados, implicou demasiados ceros, pois os seus patrocinadores, fundamentalmente Nike (que o viste) e Ossur xogábanse demasiados intereses no feito de que o sudafricano asistise ou non á vindeira cita olímpica.
 
Os seus defensores, pola súa banda, afirman que hai unha parte da sociedade que non está disposta a admitir que unha persoa con discapacidade física, rehabilitada e plenamente inserida na sociedade, compita de igual a igual e mesmo gañe a atletas 'válidos, íntegros e belos'. Tamén esgrimen que se subliñaron até a saciedade as supostas vantaxes mecánicas do deportista, pero non as súas desvantaxes, que consideran máis que notorias.
 
¿É Pistorius un campión comprometido e entregado, un exemplo de superación para todos os deportistas discapacitados, o unha operación de marketing orquestrada por poderosas marcas que representa unha perigosa competencia desleal?
Comentarios (0)Add Comment

Escribir comentario
Tes que estar logueado para escribir un comentario. Podes rexistrate se non tes xa unha conta creada.

busy
Última actualización ( Luns, 02 de Xuño do 2008 )
 
< Ant.   Seg. >

Deportes | Vídeo Destacado

RSS de deportes