| Sendeirismo rexido polas emocións |
|
|
|
| Escrito por Iria | |
| Luns, 07 de Xullo do 2008 | |
|
Sensor de resposta galvánica, sistema gps e dispositivo de almacenamento. Dito así ninguén pensaría nun proxecto relacionado cos deportes e a natureza, senón máis ben con algún experimento informático. Pois non. Estes son os elementos que se empregan para realizar o Mapa Emocional Turístico (MET), un proxecto no que está a traballar a mancomunidade de municipios de Arousa Norte dende novembro de 2007 e que consiste "nun sistema de análise do comportamento emotivo en función dos estímulos externos que recibe unha persoa nun momento e lugar determinado". Neste caso, as emocións que lle producen catro rutas de sendeirismo pola costa. Esta é a primeira vez que se realiza un biomapping en Galicia e Nx non quixo deixar pasar a oportunidade de colaborar na difusión deste proxecto. A idea orixinal dos estudos emocionais naceu en 2004 da man do profesor e artista inglés Christian Nold, que movido pola curiosidade, decidiu ver como reaccionaban as persoas cando cruzaban determinadas partes das súas cidades.
O primeiro paso para desenvolver o MET é deseñar un itinerario a percorrer polas 40 persoas seleccionadas para o proxecto e sobre os que se realizará unha analise emotiva grazas a un sensor de resposta galvánica que vai colocado entre os dedos e que capta os cambios de intensidade da corrente eléctrica na pel. Estes cambios son enviados a un dispositivo que os procesa e almacena. En función do punto da ruta no que se atope a persoa, manifestará unhas reaccións positivas ou negativas, o que se traducirá en valores altos ou baixos respectivamente. Xunto a este sensor, os sendeiristas tamén levarán un sistema gps, que gardará a súa posición en cada momento e un terceiro dispositivo que almacena de forma conxunta os datos rexistados polo sensor de resposta galvánica e o gps.
Os datos aportados por este sistema permitirán elaborar mapas 2D e 3D xeolocalizados, onde se poderá visualizar a información recollida e reforzar os puntos máis conflictivos das catro rutas. A primeira é a PR-G92 de Riveira, un percorrido de dificultade media e accesible para a maior parte do público. A única limitación está na subida ó Parque periurbano de San Roque e ó miradoiro da Pedra de Rá. A PR-G91 de Pobra do Caramiñal é a segunda das rutas que se vai levar a cabo. Este é un camiño de dificultade media-alta, dirixida a persoas en bo estado físico debido ós desniveis existentes. Desta mesma dificultade é a PR-G15 de Rianxo, debido á forte pendente de ascensión no último tramo cara ó monte Muralla. A última ruta é a PR-G90 de Boiro, de dificultade media-baixa, accesible a todos os públicos. Cada un destes percorridos contará coa participación de dez persoas.
Entre os 40 participantes, escolleránse oito persoas a través dun concurso de ideas, no que se pretende buscar propostas para posibles actuacións, xa sexan artísticas, culturais, deportivas ou medioambientais e que sirvan para mellorar cada unha das rutas. A temática destas propostas estará relacionada co valor das rutas de sendeirismo e se priorizarán aquelas que sexan innovadoras e, sobre todo, que respeten o patrimonio e a natureza. O prazo de presentación de ideas péchase este día 10 de xullo, posto que as rutas se levarán a cabo do 14 ó 18 deste mesmo mes. Polo momento, xa se recibiron propostas como a realización de rutas nocturnas temáticas, rehabilitacións de muíños a modo de refuxios ou a implantación dun día para adoptar unha árbore. Con este innovador proxecto, a mancomunidade de municipios de Arousa Norte non só busca a mellora das súas rutas de sendeirismo, senón tamén sensibilizar de cara a conservación do medio ambiente, promover un desenvolvemento cultural onde os visitantes combinen o enfoque contemplativo co participativo e sentar as bases para a implantación posterior de proxectos artísticos, culturais e deportivos.
Se queres máis información sobre o MET ou o concurso de ideas podes consultar a web da mancomunidade de municipios de Arousa Norte. E se queres saber máis sobre o biomapping non te perdas a páxina do seu creador, Christian Nold.
Favorito Bookmark Enviar a... Visitas: 154 Comentarios (0)
![]() Escribir comentario
Tes que estar logueado para escribir un comentario. Podes rexistrate se non tes xa unha conta creada.
|
|
| Última actualización ( Luns, 07 de Xullo do 2008 ) |
| < Ant. | Seg. > |
|---|

















0 comentarios























