| Arrolar sobre as augas |
|
|
|
| Escrito por Emma | |
| Luns, 12 de Maio do 2008 | |
|
As novas sobre este novo artefacto, o Hydro Bronc -the water walker- corren como a pólvora por internet. Trátase dun novidoso vehículo de algo máis de dous metros de altura, de estrutura inflable e flexible, que se converteu nunha atracción turístico-deportiva en numerosos lugares vencellados á práctica de deportes acuáticos de aventura. Pero ademais de introducir unha nova modalidade, máis orixinal, divertida e segura (din) no descenso de ríos ou rafting, o artefacto en cuestión pódese empregar para arrolar polo mar, por prácidas lagoas ou por máis breves e íntimas piscinas. Tal e como reza a súa literatura promocional, 'o mundialmente afamado Hydro Bronc' -que custa 3.495 dólares- é 'un dos deseños máis abraiantes do século XXI' e acadou unha gran repercusión mediática na prensa norteamericana - National Geographic, Focus, People Weekly, Inside Sport, Outside, Popular Mechanics ... - Encapsulado no seu interior, e protexido polos seus sete 'barrotes' de vinilo recobertos da mesma lona ultraresistente que se utiliza nas embarcacións de rafting ou 'rafts' (coma un hamster na súa gaiola, para que nos entendamos) poderás percorrer a conca dos ríos a salvo de calquera obstáculo ou contratempo, ou arrrolar sobre as ondas do mar gozando, disque, dunha experiencia absolutamente nova e emocionante. Non sabemos se xa se comercializan en España, pero é unha opción a ter en conta agora que estamos en plena tempada de rafting, que -coincidindo co desxeo- principia no mes de marzo e se prolonga até setembro. O rafting, que é o deporte de aventura máis popular en España, consiste no descenso de augas bravas en balsas neumáticas que navegan arrastradas pola corrente mentres os seus tripulantes reman e orientan o seu peso de maneira coordinada para percorrer os rápidos e manterse a flote. Estas embarcacións, botes neumáticos ou 'raft' en inglés, teñen un tamaño medio de 5x2 metros e, segundo os modelos, poden levar entre 4 e 14 persoas. Os remos utilizados son curtos e dunha soa pa, actuando coma impulsores, namentres o remo do xefe da embarcación é máis longo e funciona coma timón. Este 'xefe' é un monitor ou guía experimentado que se encarga de dirixir a embarcación e garante a seguridade da 'tripulación' ao longo de todo o percorrido, por iso debe coñecer ben polo miúdo cada parte do río e sobre todo debe saber interpretalo para aprezar os rápidos antes de introducir neles a balsa. Segundo o número de pasaxeiros, o guía pode ubicarse no centro da embarcación e orientala axudándose de dous remos longos, ou ben situarse na parte de atrás. Xeralmente nas saídas participa máis dunha barca, e neste caso hai un xefe xeral que coordina os esforzos de todos os equipos. Por todo isto, no rafting o concepto de equipo cobra unha dimensión moi significativa. O equipamento, que normalmente ofrecen as empresas ao contratar a navegación, inclúe traxe de neopreno, chaleco salvavidas, casco perforado e calzado axeitado. É responsabilidade do guía especializado levar tamén un chaleco con arnés, unha corda de seguridade para rescates e un kit de supervivencia e reparación. Ademais, arredor da embarcación existe unha 'liña de vida' ou corda que serve para agarrarse a ela se algún dos navegantes cae á augua. ![]() Canto maior sexa o caudal, máis intensa será a experiencia, pois a velocidade é un elemento indispensable para garatir as emocións fortes. De todos xeitos, o rafting, aínda que é un deporte de aventura, non é un deporte de risco, ou alomenos é unha actividade de risco controlado. O rafting comercial evoluciou nas últimas décadas até acadar diferentes niveis que o fan accesible tanto para os máis arriscados expertos coma para os principiantes e familias que buscan diversión e un verdadeiro contacto coa natureza. Podería dicirse que o descenso de ríos en balsas neumáticas é unha actividade apta para calquera persoa que saiba nadar e vaia axeitadamente equipada e acompañada dun guía profesional, pois non require unha prepararción física ou técnica especial. É aconsellable practicar este deporte en primavera, xa que é cando os ríos baixan co nivel máximo de auga; ademais, debe practicarse en ríos caudalosos de alta montaña, con tramos de diferentes niveis e sen saltos de auga demasiado pronunciados. De cara á prácica de rafting, existe unha clasificación internacional dependendo do grao de dificultade dos ríos para ser navegados; esta escala standard -AWA (American Whitewater Afiliation's Internacional Scale of River Difficulty)- contempla seis graos: * Auguas planas - O descenso é practicamente plano: - Clase I Moi doado, augas case planas, moi pouco axitadas con ondas pequenas. - Clase II Doado, augas un pouco axitadas con ocos e buracos de non máis de 25 cm. * Ríos Rápidos - Augas Brancas - Augas Bravas. - Clase III Intermedio. Augas axitadas con ocos e ondas medianas de non máis de 1 m, remuíños de coidado para un nadador e dalgunha consideración para unha embarcación. A navegación require boa técnica e coñecemento do río. Existen algúns pasos técnicos de atención. - Clase IV Difícil. Augas brancas moi axitadas pero predicibles. Ocos e ondas de até dous metros, remuíños considerables para unha embarcación. Poden existir fervenzas de consideración. A navegación require moi boa técnica e coñecemento do río. Existen pasos estreitos que requiren manobras técnicas complexas. - Clase V Experto. Augus brancas moi axitadas pouco predicibles con ondas e ocos de máis de dous metros. Remuíños e fervenzas de perigo. Require un grao de técnica experto e moi bo coñecemento do río. Necesidade de manobras extremadamente técnicas - Clase VI Extremadamente difícil ou Non navegable. Considérase moi difícil ou imposible de navegar. Un rápido non ten unha mesma clase en toda a súa extensión, un río ou un tramo do mesmo considérase da mesma clase que o seu rápido máis difícil; a maior parte dos descensos realízanse nas clases III e IV, quedando as clases II e inferiores na categoría de navegación xeral. De todas maneiras, houbo propostas para axustar ou reemprazar por completo esta clasificación, e mentres que algunha delas foi considerada por parte da comunidade de coñecedores de rápidos, non se acadou o suficiente consenso para adoptar unha nova escala. ![]() O precedente histórico desta actividade son os antigos raiders ou balseiros que utilizaban os troncos das árbores para desprazarse río abaixo. Para conducir os troncos, despois de ser talados, atábanse un número determinado con cordas formando una plataforma ríxida na que se situaban os raiders que, axudados por unha pa, dirixían o tandem aos aserradeiros. Así, 'raft' en inglés significa 'plataforma de madeira que flota na auga'. O rafting recreacional comezou nos Estados Unidos despois da Segunda Guerra Mundial. Os primeiros botes de rafting foron deseñados coma botes de asalto militar para ataques sorpresa no océano: eran unhas lanchas inflables e con forma cesta, que cando se popularizou o deporte, foron redeseñadas para que fosen máis resistentes e seguras e para que puidesen cargar con máis xente e equipo, modificando os seus materiais e a súa forma. O rafting ponse de moda nos anos 70 nun dos lugares máis emblemáticos para practicalo, o río Colorado en Estados Unidos; a partir de 1980, coa aparición das balsas 'self bailer' -un sistema de evacuación da auga que entra nas balsas ao atravesar os rápidos- cobra maior forza e ten un desenvolvemento espectacular, sobre todo en Europa. En Galicia, o rafting practícase, principalmente, en dous ríos: o Miño en verán e outono, e o Ulla en inverno e primavera. Ocasionalmente, cando as chuvias son suficientemente abundantes para aportar o caudal preciso, pódese descer tamén o río Deza. No conxunto do Estado, polas súas espectaculares caídas, destacan os Pirineos; polo axeitado do clima, en especial no norte da provincia de Lleiida, a zona de Sort e xunto ao río Noguera Pallaresa; así coma o alto Ebro en Cantabria; tamén en diversas zonas de Huesca, coma o río Gállego ou o Cinca, a comarca de Sobrarbe (Huesca), ou as dúas contornas máis concurridas: o río Cinca, entre Laspuña e Ainsa, e o río Ara, entre Torla e Broto. Xa a nivel internacional, entre os ríos máis afamados destacan o Omo en Etiopía, o Brahmaputra na India, Bio Bio en Chile, o Reventazón en Costa Rica, Tatshenshini en Columbia Británica, e sinaladamente o Rio Futaleufú, en Chile, que está considerado como o mellor río para practicar rafting no mundo: Favorito Bookmark Enviar a... Visitas: 158 Comentarios (0)
![]() Escribir comentario
Tes que estar logueado para escribir un comentario. Podes rexistrate se non tes xa unha conta creada.
|
|
| Última actualización ( Luns, 12 de Maio do 2008 ) |
| < Ant. | Seg. > |
|---|

















0 comentarios






















