Pole dance: o deporte máis erótico PDF Imprimir Correo-e
Escrito por Emma   
Luns, 09 de Xuño do 2008
 
<<A la vez que son el lugar de placer más primitivo y democrático, la sexualidad y el erotismo son también espacios en donde el nivel de sofisticación está directamente relacionado con la cultura en que ambos se desarrollen. Nosotros, que vivimos en una de origen judeo-cristiano, tenemos evidentemente, con respecto a estos temas, unos niveles de represión del todo desconocidos para, por ejemplo, los pueblos orientales. Esto es algo que ya fue planteado por Sigmund Freud hace mucho tiempo, pero hoy recupera su vigencia a la luz de fenómenos tales como el pole dance>> Graciela Moreschi

Contan que algunha vez, ás mulleres dos cabarets de Europa do Leste esgotáronselles as ideas para distraer á súa ansiosa e impaciente clientela e, baseándose na orixe real desta práctica, os paos chineses, ocorréuselles empezar a danzar sensualmente arredor dun poste. Así naceu o pole dance ou, falando tecnicamente, baile en barra vertical.

Polo xeral, asociamos estas coreografías a escuros locais de striptease, a night clubs de cidades coma Las Vegas ou a escenas como as protagonizadas por Demi Moore na película Striptease, Liv Tyler no famoso videoclip de  Aerosmith, Crazy, ou máis recentemente Kate Moss no videoclip, dirixido por Sofia Copola, I Just Don't Know What To Do With Myself dos White Stripes. Contan tamén que ás mulleres se nos quedaron gravadas a fogo estas escenas, espertando en nós un escuro e inconfesable desexo de aferrarnos a esa barra e sentirnos as máis sexys, ávidas por dominar unha das armas máis poderosas do noso tempo: o erotismo.
 
 
E algo de razón debe haber nisto, pois o pole dance entrou nos ximnasios como unha modalidade máis do fitness e arrasou xa en Londres, Tokio, Nova Iorq, Berlín, Australia ou Canadá, converténdose ademais nunha febre comercial alimentada pola imaxe de celebrities coma Carmen Electra -profesional desta técnica-, Pamela Anderson, Madonna, Teri Hatcher, Natalie Portman ou a xa mencionada Kate Moss. Un boom que desbancou ao pilates e ao ioga como 'deportes de moda' e deu un importante xiro ás clases de ximnasia convencional. Sen ir máis lonxe, introduciu coa maior naturalidade esa espantosa mestura de chandal e tacóns, tan ridiculizada e aldraxada até o momento, xa que as zapatillas de deporte están absolutamente prohibidas. 
 
Din que parcticando pole dance quéimanse entre 300 e 500 calorías por clase, e que ademais -fronte a outro tipo de ximnasias máis localizadas- se traballan e tonifican todos os músculos do corpo: pernas, nádegas, abdominais, brazos ... Tamén aumenta o nivel de forza e flexibilidade, e esixe dominar a técnica para efectuar inversións, deslizamentos, caídas ... A súa práctica combina a forza muscular constante -hai que soster o propio peso do corpo- coa creatividade, a habilidade e o talento para desenvolver, simultaneamente, unha coreografía. Isto implica nocións de baile, dende a danza clásica ao jazz, e acrobacia, o que a converte nunha actividade moi completa vencellada con outras disciplinas. 
 
pole dance 
 
A pesar de todo o anterior, os que imparten estas clases insisten en que se trata dunha modalidade deportiva sen límite de idade nin complexión física. Tampouco require preparación ou experiencia previa, xa que os cursos -exclusivamente dirixidos a mulleres, claro está- inclúen técnicas básicas ás que despois se lles van engadindo coreografías e variantes máis complexas. De feito as academias ofrecen clases para cada nivel, dende o principiante até o profesional -onde se levan a cabo técnicas con nomes coma Gran Xiro V, Xiro do Sol, Showgirl, Escorpión, Superman ou O Muíño-. O pole dance é, iso si, unha práctica que pode ser considerada de risco, sobre todo para as menos experimentadas, así que para evitar moratóns e golpes contra a barra adoitan utilizarse protectores para cóbados e xeonllos. Coma vestimenta tops e shorts, roupa curta que non cubra pernas nin brazos.
 
A idade media das que se apuntan á ximnasia de moda anda polos 40 anos, aínda que hai alumnas dende 25 anos até incluso 60; está orientada á muller común que quere facer deporte cun plus lúdico e o seu obxectivo final, máis alá de ensinar grandes acrobacias, é aumentar a autoestima e traballar a desinhibición e a sensualidade daquelas mulleres que se atreven a facer algo diferente e 'sexy' á vez que coidan o seu corpo. É máis, afirman que o pole dance é unha eficaz terapia para mellorar as relacións sexuais e afectivas.  
 
 
Quizais te sorprenda saber que, dende o ano 2003, existe unha federación a nivel mundial de baile en barra vertical, a World Pole Dance Federation, fundada en Amsterdan. Dende novembro de 2006 existe, ademais, unha delegación española, que traballa para abrir escolas oficiais desta modalidade no noso ámbito e que organiza o campionato oficial desta disciplina en España: Miss Pole Dance Spain, onde a gañadora se clasifica directamente para representar a España nos campionatos internacionais.

Esta delegación traballa ademais para promover o pole dance e a súa práctica combatendo os prexuízos que o asocian coa nudez e a obscenidade, e tentando consolidar esta actividade non só coma un deporte respectado, senón tamén coma un arte  que desenvolve excepcionais e impresionantes espectáculos comparables co dun ximnasta ou trapecista: <<fuerza muscular, habilidad, técnica, creatividad, resistencia y conocimiento del baile 'clásico' son frecuentemente combinados y pueden ser una parte esencial de la interpretación. Cuando se mezclan con habilidad, estos componentes hacen del baile en barra un arte auténtico, algo que admirar>>. O próximo campionato español terá lugar en 2009.
 
Pole dance
Comentarios (0)Add Comment

Escribir comentario
Tes que estar logueado para escribir un comentario. Podes rexistrate se non tes xa unha conta creada.

busy
Última actualización ( Luns, 09 de Xuño do 2008 )
 
< Ant.   Seg. >

Deportes | Vídeo Destacado

RSS de deportes