| Paralímpicas Olímpicas |
|
|
|
| Escrito por Emma | |
| Luns, 08 de Setembro do 2008 | |
|
<<Todo el año hablando de Óscar Pistorius, el atleta sin piernas que reclamaba un lugar en Pekín, y resulta que en silencio viajaban hacia los Juegos una jugadora de tenis de mesa manca, la polaca Natalia Partyka, y una nadadora amputada, la sudafricana Natalie du Toit. Ellas están. Pistorius no logró la marca mínima>> J. Gómez Peña, Ellas logran lo que Pistorius no pudo. O eslogan Un Mundo, un Soño, unha expresión sinxela pero cun fondo significado inspirado nos ideais olímpicos, no seu espírito e nos seus valores universais, é o elixido para os Xogos Paralímpicos de Beijing 2008, que se inauguraron este sábado 6 de setembro e que se disputarán até o vindeiro día 17. Xunto ao slogan, o comité organizador deseñou un emblema que representa a un deportista en movemento e incorpora carácteres e caligrafía chinesa simbolizando a unidade e a harmonía entre 'O Ceo, a Terra e os Seres Humanos'; un espírito en movemento que tenta reflectir a integración de corazón, corpo e espírito nos seres humanos, a esencia da filosofía e cultura chinesas.
Sen embargo, estes Xogos contan con emblemas de moito maior calado, deportistas cuxa historia paga a pena ser contada exactamente igual que a de Phelps ou Bolt. Son dúas mulleres moi mozas que comparten moito máis que un nome case idéntico. Dúas heroínas que participan nos Xogos Paralímpicos logo de facer historia nas recentes Olimpíadas, competindo de igual a igual cos deportistas de elite non discapacitados das súas respectivas modalidades. Ambas as dúas son un exemplo de perseveranza, forza e superación moitísimo máis eficaz que calquera slogan e estiveron alí onde o mediático e controvertido Óscar Pistorius finalmente non puido estar. ![]() <<A miña mensaxe non é só para as persoas con discapacidade, é para todos>> declarou Natalie du Toit xusto despois de pelexar na proba de 10 quilómetros de augas abertas das súas primeiras Olimpíadas -unha modalidade que se estreaba no calendario olímpico de Beijing 2008 e unha das máis extenuantes- con outras vinte e catro nadadoras. Delas diferenciábase pola ausencia da súa perna esquerda, amputada en 2001 logo de ter sido atropelada por un vehículo mentres se dirixía ao colexio na súa Scooter. Só tiña dezasete anos, aínda que xa era considerada unha das grandes promesas deportivas do seu país, Sudáfrica. Puxéronlle unha prótese de titanio para substituir o fémur destrozado, pero Natalie, a diferenza do seu compatriota Pistorius, compite sen ela, e especializouse en probas de resistencia precisamente porque precisa menos axuda das pernas. Aínda así, tal e como declarou o seu adestrador, Karoly von Toros, debe esforzarse o dobre co torso e os brazos para igualar ás súas rivais ... mais a súa teima e máis o seu empeño non admiten límites, e de feito a súa páxina web está presidida polo lema Be everything you want to be (Sé todo o que queiras ser). Tamén ten colocado na parede da piscina na que se adestra, se ben pode recitalo de memoria, un poema: <<a traxedia da vida non é non acadar as túas metas, senón non ter metas que acadar ...>>. E Natalie, licenciada en Xenética e Fisioloxía pola Universidade de Cidade do Cabo, nunca deixou de ter metas que acadar, nin sequera cando todos diron por sentado que a súa traxectoria deportiva rematara. Viu como desfilaban os seus compañeiros de adestramento polo hospital, como despidíndose, e decidiu que aquelo non era o fin de nada, senón o principio dunha nova carreira chea de desafíos e oportunidades. Un día despois da operación ergueuse da cama, e ao cabo dun ano pasou á historia como a primeira amputada que se clasificaba para unha final convencional de 800 metros libres. Foi nos Commonwealth (Xogos da Mancomunidade Británica de Nacións) celebrados en Manchester (Inglaterra), onde chegou oitava, á vez que conseguía o ouro nos 50 e 100 metros para discapacitados, unha fazaña que repetiu catro anos máis tarde, nos Commonwealth celebrados en Melbourne, Australia; ademais, adxudicouse o Primeiro Premio David Dixon para o Atleta máis Destacado dos Xogos, por diante do lexendario nadador australiano Ian Thorpe. Ao ano seguinte, logrou a medalla de ouro nos 800 libres dos Xogos Panafricanos, así como a prata dos 800 libres e o bronce dos 400 libres nos Xogos Afroasiáticos, sempre contra adversarios sen discapacidade. Xa no 2007, a súa impresionante progresión levouna a facerse co récord do continente africano nos 1500 libres. Cando apenas contaba con dezaséis anos, xusto antes do accidente que cambiou a súa vida, estivo a piques de clasificarse para os Xogos Olímpicos de Sydney 2000 en tres probas. Catro anos despois, a nova Natalie volveu quedar ás portas de Atenas 2004, aínda que si asistiu ás Paralímpicas, onde arrasou con cinco ouros e unha prata. Finalmente conseguiu o seu soño de participar nuns Xogos clasificándose para Pequín 2008 nos Mundiais de Sevilla, onde acadou o cuarto posto, converténdose na única deportista dos Xogos cunha perna amputada e nunha das dúas únicas, xunto a Natalia Partyka, que logo de competir nas Olimpíadas tamén o fará nas Paralímpicas. A Beijing 2008 chegou por todo o alto, pois foi a abandeirada do seu país na cerimonia de inauguración, a primeira atleta discapacitada en asumir este honor, e aínda que na proba dos 10 Km de augas abertas, celebrada o pasado 20 de agosto, rematou 16ª, dalgún xeito foi a verdadeira gañadora ou, como se adoita dicir, a gañadora moral. Na vila olímpica, compartiu protagonismo coa polaca Natalia Partyka, de tan só 19 anos, que competiu en tenis de mesa, na modalidade de equipos, xunto ás súas compañeiras Qian Li e Jie Xu. A Natalia fáltalle o antebrazo dereito por causa dunha malformación conxénita, e empezou a xogar ao tenis de mesa tentando gañar á súa irmá, catro anos maior ca ela; cando conseguiu vencela, soubo que podería chegar tan lonxe como se propuxese, e se ben nos Xogos no puido clasificarse para cuartos de final, entende que o seu verdadeiro triunfo, polo momento, é ter estado alí. Natalia practica un peculiar saque: bambea a pequena pelota no seu cóbado dereito, suxéitaa e guíndaa arriba, namentres xira sobre si para golpeala.
Como no caso de Natalie, Beijing supuxo o seu debut olímpico, e tamén como a sudafricana, agora representará ao seu país nas Paralímpicas. Nos Xogos Paralímpicos de Sidney 2000, Natalia, con once anos, converteuse na atleta máis moza da historia. Catro anos despois, nos Xogos Paralímpicos de Atenas, logrou unha medalla de ouro, título que agora tentará revalidar. Ocupa o número 147 do ránking mundial, e ten declarado que prefire as Olimpíadas ás Paralimpiadas porque sempre se mediu con rivais sen ningún tipo de discapacidade. Favorito Bookmark Enviar a... Visitas: 206 Comentarios (0)
![]() Escribir comentario
Tes que estar logueado para escribir un comentario. Podes rexistrate se non tes xa unha conta creada.
|
|
| Última actualización ( Luns, 08 de Setembro do 2008 ) |
| < Ant. | Seg. > |
|---|


















0 comentarios



















