| Mentres o sol brille até a medianoite |
|
|
|
| Escrito por Emma | |
| Luns, 01 de Setembro do 2008 | |
|
Durante os longos días do curto verán, os finlandeses celebran numerosos concursos, torneos ou campionatos que oscilan entre o estraño e o verdadeiramente esperpéntico. <<Quizais estamos algo tolos>> confesan <<ou aburrímonos demasiado>>, o caso é que este pobo -polo xeral reservado e distante- e cun medalleiro olímpico máis que discreto, posúe un amplo e imaxinativo repertorio de deportes patrios aos que se entregan con fervor e que non só consolidaron, senón que conseguiron exportar e popularizar máis alá das súas fronteiras.
Así, á súa carreira de 'carrexo de donas' (eukonkanto o akakanto), que convoca anualmente a pequena localidade de Sonkajärvi coma Campionato Mundial, e atrae a máis de medio cento de parellas das máis diversas nacionalidades xunto a miles de visitantes, saíronlle 'réplicas' en, por exemplo, Estados Unidos (wife carrying) e conta cunha categoría específica no Libro Guiness dos Récords. A cousa consiste en homes realizando un traxecto de 253 metros cheo de obstáculos (unha piscina, valados, bancos de area) coas súas donas ás costas. Convértese en 'campiona mundial' desta especialidade, a parella que complete o percorrido no menor tempo, e o premio é o peso exacto da muller en litros de cervexa. Pero este bizarro 'deporte', a estrela do calendario, inspirou outros campionatos de verán do máis peculiares, como o lanzamento de móbiles, o fútbol en pantano, a frota anual da cervexa, a competición de sauna, o canto de karaoke ou sentar sobre niños de formigas. A maioría, aínda que non o semelle, proveñen de tradicións locais e os participantes fan o que sexa para erguerse cos pintorescos títulos. Practicar deporte en Finlandia supón moito máis que vontade, constancia, competitividade e esforzo, anular o sentido do ridículo e posuir un gran sentido do humor son factores igualmente determinantes, alomenos mentres o sol brille até a medianoite... ![]() Disque o carrexo de donas ten moito que ver cunha lenda protagonizada por un tal Rosvo-Ronkainen 'o Ladrón', quen no século XIX probaba a valía dos aspirantes a unirse á súa banda obrigándoos a realizar un tortuoso traxecto cheo de obstáculos namentres cargaban sacos de gran ou bacoriños ás costas. Sen embargo, outras versións apuntan a unha práctica tribal moito máis arcaica segundo a cal os homes facían as beiras ás mulleres correndo ao seu pobo, raptándoas e fuxindo con elas a ombros; coñécena coma 'roubo de mulleres' e en honor desta 'tradición' algúns homes participan na proba cargando mulleres 'alleas'. Na presente edición logrou o título mundial a parella estonia formada por Inga Klauson e Madis Usorg, confirmando o dominio dos bálticos no torneo (que gañaron dende 1998), mentres que Alemaña se adxudicou a prata e Inglaterra o ouro. Participaron 55 parellas dun total de dezaseis nacionalidades (España, Australia, Corea do Sur, Estados Unidos, Francia, Gran Bretaña, Irlanda, Italia, Xapón, Rusia ou Sudáfrica) e foi seguida por máis de cinco mil espectadores. Como curiosidade, o chamamento -amplamente difundido pola prensa- da irlandesa Julia Galvin, quen chegou a Finlandia na busca dun home que carrexase os seus 120 Kg. na carreira e coa firme determinación de conquistar o título. Finalmente un inglés ofreceuse coma voluntario, e aínda que non gañaron o ouro, ela afirmou que o vai seguir tentando porque a cervexa, 120 litros exactamente, 'é súa'. E aínda que todo isto parece unha gran broma, o concurso -creado en 1992- está profundamente enraizado na historia local de Sonkajärvi, e posúe unha normativa desenvolvida polo Comité Internacional de Normas da Competición de Carrexar á Dona. Nestas normas especifícase a lonxitude oficial (253,5 metros), un percorrido composto por dous obstáculos secos e un obstáculo na auga cunha profundidade dun metro, así como a superficie do mesmo que ha de conter partes de area, herba e grava. Tamén consta dun capítulo especial que regulamenta a figura da 'dona' coa que se vai 'cargar': pode ser a dun mesmo, a do veciño ou outra calquera que non sexa do pobo, e debe ter máis de dezasete anos; ademais o peso mínimo da dona é de 49 quilogramos, se ten menos de 49 kg debe levar unha mochila de carga co peso adicional que lle falte, de maneira que a carga total sexa de non menos de 49 kg. Tamén se aborda a seguridade, estipulando que a muller debe levar un casco e que non obstante cada concursante é responsable da súa propia seguridade. Outra das normas vixentes é que 'todos os participantes deben divertirse' e a parella máis simpática, o mellor vestido e o portador máis forte reciben un premio especial. E non só isto. Amais dunha normativa, existen diferentes 'técnicas' ou 'estilos' de carga, coma piggyback (que non explicaremos), o bombeiro (sobre o ombro), ou o estilo estonio, que polo visto é o máis 'depurado', onde a muller colga do revés apertando coas súas pernas os ombreiros do home e sosténdose na súa cintura. Pero como xa se dixo, Finlandia organiza outras singulares competicións deportivas que atraen a milleiros de turistas e por tanto resultan moi beneficiosas economicamente. Así, a localidade de Heinola é célebre polo seu campionato mundial de resistencia en sauna, se ben ultimamente se 'lanzou' a organizar competicións de comer chulas de crema ou de karaoke. A celebración estival inclúe, así mesmo, o campionato de 'guitarra imaxinaria' ou o de 'lanzamento de móbiles' que ten a súa orixe na tradición finlandesa de lanzamento de xavelina e que combina a diversión coa filosofía da reciclaxe ademais de servir coma 'liberación mental simbólica' das obrigas e as responsabilidades que os atenazan o resto do ano.
Amais, centos de finlandeses compiten cada ano por ver quen atura máis sentado sobre un formigueiro, unha 'agradable' práctica inspirada nun antigo ritual dirixido a manter todos os sentidos 'alerta'. A frota anual da cervexa, pola súa banda, que comezou cuns cantos colegas bebendo cervexa nun bote de goma, acabou por atraer a miles de persoas coas súas correspondentes lanchas ou sillóns hinchables, e mesmo motos de auga. Unha especie de 'festa dos caneiros' que substitúe o viño de Betanzos pola cervexa e que obrigou ás autoridades a clausurar a páxina web que difundía o evento por 'cuestións de seguridade'. Á listaxe súmanse competicións de fútbol en pantano ou golf sobre xeo, conformando unha esperpéntica oferta que no deixa de medrar e que, namentres arrastra cada ano a un maior número de visitantes en busca do torneo máis estrafalario, tamén xera unha polémica división de opinións: para algúns é unha oferta lúdica 'peculiar' que fai parte do carácter e identidade do país, mais para outros proxecta unha imaxe internacional negativa e 'pouco seria'. Para gustos ... Favorito Bookmark Enviar a... Visitas: 161 Comentarios (0)
![]() Escribir comentario
Tes que estar logueado para escribir un comentario. Podes rexistrate se non tes xa unha conta creada.
|
|
| Última actualización ( Luns, 01 de Setembro do 2008 ) |
| < Ant. | Seg. > |
|---|


















0 comentarios




















