close

Axenda Deportes

Lun Out 06 Xornadas da Liga Primeira Nacional Feminina
Mar Out 07 Salonauto A Coruña
Mér Out 08 Salonauto A Coruña
Correr nun singular equipo PDF Imprimir Correo-e
Escrito por Emma   
Mércores, 07 de Maio do 2008
 
Aínda que apenas hai unha década que se practica en España, o canicross é unha modalidade deportiva cunha forte implantación en Europa, existindo importantes campionatos de elevado nivel. É unha especialidade que garda certa proximidade co atletismo e cos deportes de montaña, pero ademais aporta un valor engadido aos seus afeccionados: o de correr xunto a un bo amigo, coma sempre o é un can, ao tempo que se goza da natureza. Home/Muller e Can conforman un atractivo binomio, pois persoa e animal corren sendo un equipo, o que implica traballar no entendemento e respecto mútuo. Amais, tal e como manifestan os que participan neste tipo de carreiras, as sensacións que se teñen ao correr tirado por un can son moi diferentes ás que se experimentan correndo só, sobre todo debido á achega de forza extra en subidas e chairas, así como á sintonía e ao forte vínculo que se establece entre musher e can.
 
Canicross 

O canicross é unha das modalidades do mushing (termo que engloba os deportes de tiro con cans) e acostuma practicarse case en exclusiva sobre terra -existe a variante sobre neve con raquetas, mais, dada a súa dificultade, a súa práctica é mínima-. Nel o musher corre cun can atado á cintura mediante un cinto, unha liña de tiro (corda de nylon elástica) e un arnés para o can (é altamente desaconsellable empregar un arnés de paseo, que podería mancar ao animal).

Os percorridos son semellantes aos das carreiras de montaña aínda que máis curtos (xeralmente 8-10 quilómetros) preferentemente de terra e sen grandes desniveis, non áridos e sen pedras, evitando as zonas de asfalto que poidan chegar a mancar a parte inferior das patas dos cans. As clasificacións son as habituais en calquera carreira popular, por idade e xénero, e contémplanse as seguintes categorías: Junior (de 12 a 17 anos), Senior (de 18 a 40 anos), Veteráns (de 41 a 50 anos) e Veteráns II (máis de 50 anos). Hai que destacar, ademais, que o canicross é un deporte que rexistra unha alta participación feminina.

 
En principio calquera can san con máis dun ano é axeitado para practicar canicross, e de feito nas competicións non existe distinción de trofeos en función do seu tamaño ou raza. En calquera caso, segundo os especialistas, os máis axeitados son os cans de caza medianos-grandes porque combinan velocidade e resistencia, coma os Bracos, así como as razas nórdicas (husky siberiano, malamute, samoyedo ...). Segundo Roberto Salvado, corredor galego de canicross, algunhas razas están máis predispostas a correr que outras <<es necesario tener en cuenta las características morfológicas del perro. Así, las razas grandes no son aconsejables porque tienen que desplazar mucho peso, mientras que las pequeñas tienen poca alzada y competirían con mucha desventaja. Por eso, es frecuente que en estos torneos participen perros de raza cocker, pastor alemán, pastor belga o incluso dogo alemán>>. Tamén hai corredores que adoptan exemplares nos centros de acollida de animais para competir, obtendo moi bos resultados pois estes animais socialízanse con maior facilidade.

Durante a carreira o can deberá correr sempre diante do corredor ou á beira, non podendo sobrepasalo o musher en ningún momento, xa que debe ser este o que se adecúe ao ritmo do can, nunca ao revés. Ademais, non poderá tirar do animal en ningún momento agás nos cambios de dirección ou nos momentos de desatención ou curiosidade. Antes dunha competición é preciso adestrar gradualmente ao can e ensinarlle ordes básicas coma esquerda, dereita, frea, máis rápido ... mediante un adestramento positivo, xa que está prohibido berrar ou bater no animal durante a competición. Todos os cans que participen en campionatos de canicross han de cumprir os seguintes requisitos: ser maiores de 12 meses, pasar o control veterinario previo á carreira, ter a cartilla de vacunacións actualizada, posuír o microchip obrigatorio e posuír ademais un seguro de responsabilidade civil.
 
Canicross

Para practicar este deporte é necesario que o corredor pense no seu animal tanto coma en si mesmo posto que o can é unha especie tan fiel que en ocasións pode chegar a extremos físicos perxudiciais polo simple feito de correr xunto ao seu amo. Por iso nos adestramentos o animal debe seguir os mesmos principios de progresión que o seu dono, co obxecto de que colla o gusto e vaia acostumándose á carreira. Especial precaución debe terse cas altas temperaturas, que no caso do can se sitúan por encima dos 20 º, pois os seus efectos no animal poden ser fatais. A partir de 20º será o director da carreira o que decida recortar a distancia a percorrer, como máximo 3 quilómetros, ou incluso anulala para evitar que os cans poidan sofrer golpes de calor.

O canicross conta tamén cunha técnica de carreira específica que a diferencia dunha carreira 'normal': débese de traballar moito a flexibilidade para optimizar o empuxe extra do can, tentando lastralo o menos posible a través dunha zancada máis áxil do habitual; tamén se debe traballar a parte superior a través da musculación, pois en moitas ocasións hai que controlar ao can e tentar frealo cando vai moi lanzado, o que require algo de forza; outro punto clave é enfortecer nocellos e xeonllos, que sofren moito ao tentar frear ao animal nas baixadas. Xa no ámbito competitivo, é fundamental coñecer as cualidades físicas do can así como a súa psicoloxía, pois determinadas razas teñen un instinto de liderado especial que o corredor debe saber aproveitar.
 
Canicross

En España o mushing é un deporte con cerca de quince anos de tradición, se ben a modalidade de canicross é máis recente e foi introducida pola Asociación Española de Mushers  (que conta con máis de 200 asociados) en 1998 como categoría dentro das carreiras de cans de trineo. Comprometida coa divulgación e promoción de todas as modalidades deportivas derivadas do mushing, en 2005 a AEM pon en marcha o Primeiro Canicross de Cataluña, e foi, así mesmo, a promotora do Primeiro Circuito Estatal de Canicross  e da Primeira Liga Catalá de Canicross. Tamén foi a impulsora da afiliación á Federación Europea de Canicross . Arestora, pois, e grazas a este labor, esta especialidade xa conta co seu propio calendario de competicións por todo a xeografía española, deportistas federados e campións na modalidade.

En canto á súa práctica en Galicia, has de saber que a localidade pontevedresa de Rodeiro, situada no centro xeográfico do noso país, acolleu o pasado 16 de marzo a primeira proba galega puntuable para o Circuito Estatal Buff-Husse (á que fai referencia o vídeo desta reportaxe), unha carreira que congregou a uns 30 corredores que xa participaran en probas semellantes na Coruña ou en Padrón. O Circuito Estatal Buff-Husse de Canicross é unha competición inter-clubs a xeito de liga por puntos que consiste en trece probas, de entre 7 e 13 km, repartidas por toda España. Cada proba ten calidade de competición independente, coa súa clasificación e trofeos específicos, e suma puntos para a clasificación final do conxunto do circuito.

Xa por último, indicarche que se non te convence iso de correr podes formar equipo igualmente coa túa mascota practicando calquera das súas modalidades: o tiro con patinete, onde o musher vai de pé ou propulsando un patinete que vai enganchado a un ou máis cans; o bikejoring, cunha bicicleta de montaña; sobre vehículos de 3 ou 4 rodas, o carting, onde se emprega un maior número de cans que se enganchan igual ca nun trineo; o skijoring, sobre esquís ...etc.
Comentarios (0)Add Comment

Escribir comentario
Tes que estar logueado para escribir un comentario. Podes rexistrate se non tes xa unha conta creada.

busy
Última actualización ( Mércores, 07 de Maio do 2008 )
 
< Ant.   Seg. >

Deportes | Vídeo Destacado

RSS de deportes