| Bebedores que teñen un problema co deporte |
|
|
|
| Escrito por Emma | |
| Luns, 15 de Setembro do 2008 | |
|
¿Un atleta cunha xerra de cervexa na man ....? Por máis que pareza unha alianza imposible, o deporte e a inxesta de alcohol son a base dunha disciplina denominada hashing que conta cuns 1.900 clubs en máis de 150 países de todo o mundo. Con todo, trátase dunha práctica non demasiado coñecida que ocupa un lugar de privilexio nas listaxes dos deportes máis raros, estraños ou minoritarios que circulan pola rede. De maneira moi resumida, consiste nunha carreira duns 10 quilómetros onde grupos de dez persoas han de acadar a meta seguindo uns rastros, e cuxo traxecto está inzado de puntos de control onde se pode descansar e beber alcohol. Gañan, como en calquera outra carreira, os que acadan en primeiro lugar a meta, aínda que a verdade é que iso é o de menos. Todos chegan cun certo grao de alcohol no sangue, e insisten en que o hashing non é en absoluto un deporte competitivo, senón un acontecemento social onde o principal é pasar un bo rato. É máis, autodefínense coma Drinkers with a running problem. Na década dos 80, os clubs deste singular 'deporte' experimentaron un crecemento espectacular a nivel mundial, e para os seus seguidores está clarísimo por que: a cervexa gosta en todo o mundo, tamén se practican carreiras en todo o mundo e, obviamente, as ganas de facer o parvo de vez en cando son universais.
![]() A práctica do hashing remóntase á década dos trinta, 'inventado' por un grupo de ingleses instalados en Kuala Lumpur (Malasia). Albert Stephen Ignatius Gispert, un funcionario británico de orixe catalá, desafiou aos seus compañeiros a correr pola xungla cargando cunha ou dúas cervexas para refrescarse. En 1938 fundaron o primeiro club oficial, ao que chamaron Hash House Harriers, denominación que adoptan a maior parte dos clubs actuais e que alude ao lugar onde se xuntaban para comer: unha Hash House ('hash' é unha especie de 'fritanga', composta basicamente por carne e patacas, paralela ao fast food actual e dirixida a encher os estómagos dos petos máis baleiros). Seguramente a este grupo de amigos nin se lles pasou pola cabeza que a súa 'ocorrencia' chegaría a converterse co paso do tempo nun 'legado' para moitas persoas. Este primeiro club realizou cerca dunha ducia de carreiras, non demasiado concorridas por certo, até que a súa actividade foi interrompida pola Segunda Guerra Mundial. En 1947 algúns ex-membros da formación orixinal volveron a xuntarse en Bordighera (Italia), un club que, a pesar de permanecer prácticamente inactivo até 1984, hoxe en día segue funcionando, máis vivo que nunca. En 1962 uns oficiais ingleses destinados en Singapur abriron o seu propio club de hashing (The Singapore HHH) ao que secundaron outros moitos até os 1900, máis ou menos, que existen na actualidade. Estas carreiras tamén son unha adaptación (libre ...) das tradicionais persecucións de lebres con cans, un dos pasatempos favoritos da aristocracia inglesa no século XIX, que conta así mesmo cunha versión infantil, un xogo moi popular entre os colexiais británicos denominado Hare and Hounds; por iso, moitos seguidores do hashing defenden unha orixe anterior á broma de Gispert e compañía. Os homes (harriers) e as mulleres (harriets), que carecen de gran sentido do olfacto dos cans, divídense en grupos de dez persoas nos que un membro líder se adianta (a lebre) e vai deixando marcas no chan e nas árbores con serrín, fariña ou papel hixiénico (hashmarks) co propósito de 'marcar o sendeiro' aos que corren detrás. O traxecto, como se dixo, está cheo de puntos de control destinados a que o equipo se reagrupe, e onde é obrigado baixarse unhas cantas cervexas. Esta 'peculiaridade', como imaxinarás, vai facendo mella no grupo, que ademais debe enfrontarse a inxeniosas trampas e interpretar os cruces ou 'puntos de reflexión' onde se propoñen dous camiños dos que só un é o acertado, o que vai dispersando e desorientando ao equipo, cada vez máis 'chispa'. O galardón aos que finalmente completan o percorrido adoita ser, como non, un ou varios barrís de cervexa ben fríos.
Logo da 'competición' todos os grupos participan nunha reunión festiva denominada Circus Hash. Aquí, dase a benvida aos recén chegados ('virxes') e elíxese os seus alcumes; estes polo xeral están baseados nun cuestionario persoal que se realizou previamente ao suxeito, se ben o habitual, especialmente nos abundantes clubs de EEUU, son os alcumes 'picantes', relacionados co sexo ou o que denominan 'humor prostibulario pouco axeitado'. E é que manter o anonimato é unha das poucas esixencias do hashing, onde senadores, axentes, funcionarios, estudantes, amas de casa ou desempregados se dan cita co obxecto de combater o stress e a cotidianidade. O hashing, din, está aberto a calquera tipo de persoa, aínda que non todas as persoas están feitas para o hashing... Para todos eles, trátase dun estilo de vida que é a partes iguais atletismo, hedonismo, unha maneira de coñecer xente e relacionarse, esforzo e, en gran medida, irreverencia. ![]() Aínda que a maior parte destas carreiras se celebran no campo, outras moitas realízanse nos máis diversos e insólitos escenarios: centros comerciais, cemiterios, pantanos, praias, residencias universitarias, vías do tren, o famoso outeiro de Hollywood .... até se realizou unha convocatoria na que un grupo de 'rastrexadores' tivo que coller un avión de San Diego a Los Ángeles. Case todos os clubs se xuntan cada semana ou cada dúas semanas, mais tamén existen convocatorias especiais en datas sinaladas así como eventos internacionais denominados Interhash. Favorito Bookmark Enviar a... Visitas: 135 Comentarios (0)
![]() Escribir comentario
Tes que estar logueado para escribir un comentario. Podes rexistrate se non tes xa unha conta creada.
|
|
| Última actualización ( Luns, 15 de Setembro do 2008 ) |
| < Ant. | Seg. > |
|---|


















0 comentarios




















