Fanny & Alexander, melodías galegas PDF Imprimir Correo-e
Escrito por Xavier Valiño   
Mércores, 23 de Xullo do 2008
Índice de artigos
Fanny & Alexander, melodías galegas
Páxina 2

 

 

Efi Arias e Noel Feáns presentan segundo disco, Finais dos 70s, comezos dos 80s, no que inciden en pór música (en parte electrónica) a poemas de autores galegos de agora e de sempre. Pero o seu disco non o é todo, así que aproveitamos para preguntarlle a Noel, o tipo con máis iniciativas musicais por metro cadrado, polos seus outros proxectos.

O primeiro que chama a atención do grupo son os textos, poemas de autores galegos. Sorprende que xente moza reivindique esa forma de facer música, cunha idea utilizada a finais dos 60 e comezos dos 70. ¿A que se debe?
- É algo que introducimos no primeiro disco, Lusco e fusco, onde ademais de letras nosas fixemos o experimento nalgunha canción, con poemas de autores da talla de Manoel Antonio. Gustounos o resultado e neste segundo disco decidimos centrarnos na música e deixar que os que naceron con ese talento puxeran a letra, neste caso poetas galegos contemporáneos coma Daniel Salgado, Elvira Riveiro ou María do Cebreiro. Tamén influiu bastante que viñamos de pór música ao poemario Berlín de María Lado -tamén incluido no disco-, recitado pola propia autora a xeito de spoken word, na liña de certos experimentos de Patti Smith ou a colaboración entre William Burroughs e Sonic Youth. En xeral, interésanos moito a interrelación entre música e poesía, dúas disciplinas que, por estraño que pareza, non adoitan coincidir todo o que deberan.
 
¿E utilizar poemas ten que ver con que calquera letra que poidades compor sería difícil que eclipsase estes textos?
- Si, está claro que é outro motivo de peso. É difícil ser Leonard Cohen, non se soe xuntar na mesma persoa o talento lírico e o musical. Aínda así, a comodidade de non ter que escribir a letra ten o seu contrapeso na enorme dificultade que reside en atopar o poema axeitado e, sobre todo, podelo adaptar a unha forma musical. Nestes tempos nos que case ningún poeta -por sorte- segue os canons da métrica e da rima é un traballo moi complexo.
 
Sempre empregades música electrónica como base das cancións. ¿É algo así como a filosofía do punk, a de quen compón sen ser músico, porque é más doado?
- Si e non. Defendemos o Do It Yourself a morte, pero no noso caso é unha opción, non unha necesidade. Ao longo da nosa vida pasamos por grupos de todo tipo: punk, post-rock, ska e até trip-hop. Xa aprendimos a tocar os instrumentos e papamos horas e horas de local de ensaio. Agora con Fanny & Alexander interésanos moito máis facer música que a maneira de facela, non nos plantexamos se precisamos un baxista ou un batería. Preferimos ser só dous e poder gravar na casa, moito máis operativo. Tocamos todos os instrumentos nós mesmos e os que non sabemos, ou aprendemos ou programámolos. En vez de ser o clásico grupo que toca en directo todas as semanas e pasa polo estudio unha vez cada dous anos, somos un grupo de estudio que de vez en cando toca en directo (risas).

Fanny & Alexander

Vexo que os vosos gustos tocan moi diversos estilos, aínda que non se note tanto nas cancións. ¿Atopastes o son que mellor vos queda, o que máis vos gusta, o máis cómodo?
- Non, precisamente a idea que hai detrás de Fanny & Alexander é esa, non ter un son concreto, mesturar de todo sen complexos. Non nos interesa tanto que haxa un son característico como que haxa un concepto característico, o ‘todo vale’, ese espírito postmoderno que desenvolveron Os Resentidos do que nos sentimos herdeiros, aínda que o noso sexa moito máis pop.
 
¿Sorpréndevos a acollida que está tendo o disco?
- A verdade é que si. Esperábamos unha boa acollida a nivel galego, pero o feito de soar ou aparecer en medios estatais si que é abraiante, sobre todo cantando en galego e non tendo unha discográfica con sede en Madrid detrás. Está claro que propostas coma Lisabo ou Antónia Font abriron unha porta que levaba pechada moitos anos.
 
Sei que vos gustan Os Resentidos, ¿pero pensades que cando os relacionan coa vosa música hai unha razón xustificada?
- Xa che digo que é algo máis conceptual que outra cousa. Eles teimaron en modernizar a música galega sen renunciar á lingua nin á idiosincrasia propia e ese é, en resumo, o obxectivo primordial de Fanny & Alexander. Os Resentidos demostraron que se pode estar na vangarda musical universal sen ter que ‘emigrar’ física nin mentalmente. Igual que un xaponés non deixa de escoitar a Sigur Ros porque cante nunha lingua tan ‘cativa’ como o islandés, un alemán ou un andaluz no debería de ter prexuizos con Fanny & Alexander por cantar en galego. Esa é a idea: galegos e universais ao mesmo tempo.
 


Última actualización ( Mércores, 23 de Xullo do 2008 )
 
< Ant.   Seg. >