A nosa portada renóvase coa novena tira de
Davida, na que podes premer para vela ampliada.
Davida, que inauguraba a sección este verán, é un dos dous membros de
Fuck Comics, xunto a
Ash, que colabora con
NovaXove achegando semanalmente as súas viñetas.
David Amoedo (Vigo, 1984) adícase dende 2003 á ilustración, á banda deseñada e ao deseño gráfico baixo o pseudónimo de
Davida. Amais de ser un dos oito membros fundadores de
Fuck Cómics, onde publica banda deseñada, é coordinador do proxecto e encárgase tamén do deseño gráfico da publicación. Colabora ademais con outras iniciativas coma o
Despregable Fanzine, editado pola
A.C. Embaixada Prusina, coa sección '
LA Cara B'; e co colectivo
Xogo Descuberto, que desenvolve unha variada labor de crítica social e dinamización cultural, colaborando na súa revista de difusión gratuíta con viñetas e ilustracións.
Davida participa así mesmo en exposicións colectivas e realiza con asiduidade deseños e ilustracións para cartelería e Cds de diferentes bandas da escena viguesa coma
Saldos Arias,
Noishock,
Siervos de Nadie ou
Aphonnic. É membro tamén do colectivo de teatro e títeres
Troula.
O seu estilo
cartoon está influenciado por autores coma
Bruce Timm,
Javi Rodrigues,
Jaime Hernández,
Miguel Ángel Martín ou
Mauro Entrialgo, e a súa temática caracterízase polo humor costumista, o gore e a Serie B dos 80s e 90s.
Fuck Comics é un colectivo vigués de estilo urbano e underground que edita dende 2006 un
Fanzine co mesmo nome. Hoxe en día aglutina a máis de quince creadores, entre os 18 e os 30 anos, e algún dos seus membros, coma
Álex Cal ou
María Vilar, adícanse profesionalmente ao mundo do cómic e da ilustración. O fanzine ríxese por unha única norma: divertirse e divertir a partir dunha estética urbana, moza e cómica. Pode conseguirse en bares, en tendas de cómic e en librarías, e ademais das tiras de todos eles, inclúe unha sección musical con reseñas,
Fucking Noise.