| Berta Dávila gaña o Biblos cunha obra sobre a Xeración Xabarín |
|
|
|
| Escrito por redacción | |
| Luns, 21 de Xullo do 2008 | |
![]() A compostelá de 21 anos residente na Coruña, Berta Dávila, é a gañadora do 4º Premio Biblos-Pazos de Galicia para menores de 25 anos que se fallou no transcurso dunha cea literaria na noite do 18 de xullo.
Estudante de Filoloxía Hispánica na Coruña, a autora ofrécenos en Bailarei sobre a túa tumba (título provisional da obra galardoada) un proxecto que, segundo o xurado, «pode cualificarse de ambicioso e dunha sorprendente madurez». A autora tenta «recoller o xeito de ver o mundo e de enfrontarse á vida dos membros da "xeración Xabarín", é dicir, a dos mozos e mozas que naceron na década dos oitenta e "viron os xogos olímpicos na tele, pero non se lembran demasiado"». O premio achégalle á gañadora unha escultura de Luís Loureira titulada A peneira dos soños, un ordenador portátil, a estadía ao longo do mes de outubro na Casa Grande do Bachao para ultimar a súa novela baixo a tutela de Agustín Fernández Paz -un dos escritores galegos máis recoñecidos e con maior proxección internacional- e a edición da obra en galego e castelán antes de rematar o ano. Con Berta Dávila foi finalista Zeltia Regueiro Fuentes, de Cambre, tamén presente na cea e que recibiu como agasallo a colección de poesía Arte de trobar do PEN Clube de Galicia e a Mandaio de Biblos. As tres edicións anteriores foron gañadas por Iria López Teijeiro, a quen tutelou Xosé Luís Méndez Ferrín coa novela Meniña de cristal; Alberto Ramos, que tivo para a súa Dor pantasma a Darío Xohán Cabana como titor, e Patricia Casas que contou coa axuda de Helena Villar para concluir Teselas de cidade. Berta Dávila (Santiago de Compostela, 1987), de nena, cultiva unha afección pola lectura desordeada, compulsiva e en cantidades que rebasan os límites de calquera economía familiar. Os pais, desesperados por tanta urxencia libresca, fanlle o carnet de socia de varias bibliotecas de Santiago e acoden á biblioteca familiar para saciar as ansias da devoradora. Escribe, porque tanto o pai como a nai tiñan moita, moitísima paciencia, porque o rato Pérez deixaba un libro baixo a almofada, porque as bibliotecas dos dous avos eran amplas e variadísimas e porque na casa sempre había libros abertos e xente a ler ou a falar deles. A súa andaina coa poesía comeza da man destes libros de infancia, pero o feito máis determinante e significativo do seu camiño como escritora ten lugar con nove anos: mamá agasállaa cun libro con preciosos debuxos e fotografías, cargado de palabras estrañas e marabillosas que se titula Rafael Alberti para niños (Ediciones de la Torre). Nese momento crucial, comeza a ler poesía de maneira irremediable e a súa escrita salta dos pequenos relatos aos versos. A partir dese momento comeza a se presentar aos premios da escola para acabar saltando a outros premios, xa máis maior, e así acada o Premio Minerva de poesía en dúas edicións (2004 e 2005), varios premios en campañas sucesivas de Entre Nós en Galego (2002, 2003, 2004 y 2005), o premio Golpe de Dados na facultade (2006) ou o do Concello de Ames. Publica os seus primeiros poemas en revistas (Milana, Ágora), plataformas dixitais como Alcalima e en libros colectivos como No ocaso dos poemas e Ningunha primavera máis sen flores publicados pola Editorial Galaxia e o Colexio Manuel Peleteiro. Edita tamén dúas plaquettes de poemas: A pel das améndoas (2006) e Desnudos de mujer con los labios pintados de rojo y una bala granate en el bolsillo (2007). Ao chegar á facultade de Filoloxía na Coruña (2005) comeza a publicar en revistas, a impartir talleres de poesía e a tomar parte en recitais. Participa como ponente nas xornadas de Poesía Última 2006 da Fundación Alberti (El Puerto de Sta María, Cádiz) con publicación nas actas do congreso Poesía última 2006 de artigos, poética e poemas propios. En 2006 colabora con Siracusa Bravo Guerrero, poeta sevillana, nunha exposición de poesía visual, co poema triangular "fotosíntesis en la noche". Colabora tamén coa artista plástica Carmén Chacón (A Coruña) en outubro de 2006 do que sae o libro-catálogo Sin ellas, editado por Edicións Embora. É en 2007 cando chega o libro Corpo baleiro, editado por Espiral Maior. O seu segundo poemario, Dentro, será editado proximamente por Edicións Fervenza logo de gañar o premio Avelina Valladares 2008.
Favorito Bookmark Enviar a... Visitas: 71 Comentarios (0)
![]() Escribir comentario
Tes que estar logueado para escribir un comentario. Podes rexistrate se non tes xa unha conta creada.
|
|
| Última actualización ( Luns, 21 de Xullo do 2008 ) |
| < Ant. | Seg. > |
|---|























