Letras galegas 'para todos os bandullos' PDF Imprimir E-Mail
Escrito por Emma   
miércoles, 14 de mayo de 2008
 
Recuperamos un interesante documento sonoro, o que corresponde á tertulia organizada pola Sección de Literatura do Consello da Cultura Galega baixo o título O significado do Día das Letras Galegas, que se desenvolveu o 6 de maio de 2004, para reflexionar sobre unha celebración que, corenta e cinco anos despois de ser instituída pola Real Academia Galega , e perfectamente consolidada no almanaque da cidadanía, é sen embargo motivo de insatisfacción e descrenza para os sectores máis directamente implicados, isto é, escritores, libreiros e editores.

 

 
Un dos convidados á tertulia, o escritor, profesor, e por aquel entón tamén Secretario Xeral da Asociación de Escritores en Lingua Galega, Carlos Negro, botaba man dunha anécdota real para ilustrar metaforicamente a súa visión sobre esta data, unha anécdota que quen isto escribe subscribe, pois foi testemuña da mesma circunstancia: nunha taberna da aldea de Piloño, en Vila de Cruces, ao pé da Casa-Museo A Solaina onde se celebraba un encontro de escritores, abraiaba ver, perfectamente colocada nun estante canda as mesas onde os paisanos 'botaban a partida', toda a colección de literatura galega Biblioteca 120 , que aquel ano distribuía La Voz de Galicia  xunto co xornal; pero sen dúbida o que máis abraiaba era que, aínda que xa había uns meses que rematara a colección, todos e cada un dos volumes mantiñan o film transparente ou plástico co que viñan envoltos. Así que os libros galegos, efectivamente e a través deste tipo de iniciativas, xa chegaban a todas partes, mais iso non significaba que estivesen gañando lectores, xa que permanecían lustrosos mais inutilizados alí onde os puxeran, nin sequera se lles sacaba o envoltorio, en moitos casos non pasaban de ser un adorno.

Unha metáfora que podería servir, segundo algunhas opinións, para interpretar o Día das Letras Galegas. As numerosas iniciativas, tanto institucionais coma privadas, que poñen á literatura galega no escaparate público o 17 de maio e máis os días previos, non sempre contan co grao de sinceridade suficiente para dotar a este día dunha significación ampla e, necesariamente, actual. Unha data litúrxica á que lle sobra cerimonia e á que lle falta efectividade e imaxinación para implicar a todos os sectores da sociedade, para remendar a baixa autoestima cultural dos galegos e galegas e para contribuir, en definitiva, á industria das ideas. Libreiros, editores, escritores e profesores de lingua e literatura galega coinciden en sinalar que moitas das cuestións nas que se centra o  Día das Letras constitúen un síntoma da non-normalidade das mesmas.  Un día 'de', como apuntaba Pilar Sampedro, presidenta da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (GALIX) , coma o día do desembarco, coma todos eses días 'de' que se lles adica ás cuestións maltreitas, deficitarias -día da muller, día da paz, día da liberdade de prensa, ...- no que as letras galegas gozan de certa 'permisividade', da súa 'cota' de atención.
 
bolsa Gadis, Día das Letras 2008

Moitas son as cuestións nas que se centran estas voces para encetar a 'desritualización' do 17 de maio. Unha delas, e se cadra a fundamental, reclama a necesidade de que o feito de escribir en galego non precise de ningún tipo de xustificación teórica nin posicionamento ideolóxico, adoptarmos unha actitude 'normal' para podermos aspirar á 'normalidade'. A este respecto, existe a crenza xeralizada de que o galego 'normalizarase' cando 'venda', cando dé cartos non só á industria do libro, senón a todos os niveis empresarias. Por iso, unha das decisións máis controvertidas e atacadas nos últimos anos, é a de converter o 17 de maio nun día non laboral e non lectivo, unha medida que non fixo senón repercutir negativamente no sector dos libro, interrompendo o proceso de consolidación e afortalamento, sobre todo na súa vertente comercial, do que estaba chamado a ser o gran día do libro e da cultura galega. Un espello no que mirarse podería ser o Día de Sant Jordi en Cataluña, pero como ten apuntado a profesora e crítica literaria Helena González , esta festividade non só está baseada na cohesión cultural e lingüística, senón tamén e sobre todo nas relacións persoais, xa que é tamén o día do amor, unha mestura á que sen dúbida debe a súa capacidade de implicar a toda a sociedade.

Outra das cuestións máis discutidas é a escolla do autor no que se centra o Día das Letras que, nalgúns casos, son figuras excesivamente 'librescas', o que converte a celebración nunhas 'Pompas Fúnebres ben celebradas' sen repercusión real fóra do ámbito estritamente literario. Así, afinar a cuestión das escollas e mudar o seu sistema -como a necesidade de que o autor homenaxeado leve cando menos dez anos mortos, que é un dos puntos tradicionalmente máis controvertidos- permitiría elixir autores máis doados de achegar á público, con maior efectividade na sociedade e sinaladamente nas novas xeracións. É dicir, un dos grandes retos de cara á revitalización do Día das Letras pasa por darlle unha dimensión actual sen que perda o seu simbolismo, e nesta liña hai un par de iniciativas vencelladas a este 17 de maio, que xa se ensaiaron en anos anteriores, e que representan unha decidida vontade de camiñar nesta dirección.
 
 
A primeira delas ten que ver coa fusión do Día das Letras Galegas e o diadeinternet no programa de actividades co que a Consellaría de Innovación e Industria celebra o 17 de maio, Máis Internet, Máis Galego, Máis Futuro , e onde o Software Libre é este ano o protagonista indiscutible coma elemento fundamental de dinamización da lingua e de implicación da xuventude coa cultura galega . Entre os actos, cabe sinalar o encontro G11n: eu traduzo o teu software que, co gallo do segundo aniversario de Mancomun.org , reuniu a pasada fin de semana aos membros máis activos da comunidade de tradución de software en Galicia.     
 
A segunda corresponde ao Grupo Gadisa, que como xa fixera o ano anterior con María Mariño, homenaxea este ano a Xosé María Álvarez Blázquez  cun poema de Canle segredo, "A cometa", impreso nas bolsas de plástico:  nada máis e nada menos que catro millóns e medio de bolsas, moito máis do que calquera tiraxe de libros podería endexamais soñar distribuir, que se repartirán nos 163 supermercados GADIS que existen en Galicia. Unha fermosa iniciativa que demostra que non hai ámbitos excluíntes para a literatura, e que unha bolsa de plástico pode cargar cos nosos alimentos, máis tamén con poesía, sustento das almas, e pode facer máis pola normalización da lingua e  literatura galega que a maior parte das accidentadas políticas culturais e lingüísticas que se puxeron en marcha nas últimas décadas.
 
Amais, estes supermercados regalarán, o próximo día 16 de maio, 20.000 exemplares da novela Santa Matriusca , de Iria López Teijeiro (Fene, 1981), coa intención de integrar a literatura na vida cotiá dos galegos e galegas ao tempo que se promociona aos novos autores... Letras Galegas 'para todos os bandullos' .
Comentarios (0)Add Comment

Escribir comentario
Tes que estar logueado para escribir un comentario. Podes rexistrate se non tes xa unha conta creada.

busy
Modificado el ( miércoles, 14 de mayo de 2008 )
 
< Anterior   Siguiente >